Opinión

Isaura

Hai días nos que por máis que tiveses na cabeza o pensamento de que era posíbel, a constatación te desarma. A súa alegría, a forza coa que encaraba cada paso desa doenza maldita, facían pensar que estaba gañando a loita contra a morte.

Ela era unha das nosas, unha incansábel loitadora polos dereitos das mulleres, porque así temos que consideralas a todas: irmás, máis aló de calquera diferencia ideolóxica ou partidista.

Unha das nosas que enfrontaba cada novo reto con valentía, con esperanza, coa ilusión renovada de camiñar na boa dirección. Tendo sempre en conta as voces das mulleres.

Nacera en Trabada, Lugo, no ano 51. Viviu por forza unha nenez franquista, con todo o que iso significa. Unha nena de aldea, coma ela mesma dicía. Mais ela soubo dar unha axeitada viraxe ao temón e estudou para ser mestra, para ensinar as nenas e os nenos non só os coñecementos básicos, senón os camiños de saída. As autopistas que levaban ao coñecemento e á liberdade.

Foi case de todo dentro da política como representante do seu partido, e quen a coñeceu ben pode falar do seu trato amábel e o seu talante respectuoso. Eu podo afirmalo tamén.

Dona Isaura Abelairas Rodríguez deixounos o pasado 3 de xuño, acompañada das súas amadas fillas. Quédanos o seu exemplo de coherencia, o seu sorriso de luz, a súa ensinanza de mestra zen afrontando a traxedia dunha enfermidade cruel, que ela trataba de ti a ti coa esperanza de dobregala.

Imos botar moi en falta a súa personalidade cálida, a dozura dos seus ollos claros, a claridade do seu pensamento e o amor que repartía. Isaura, até o feminismo sempre!

Comentarios