Opinión

Infernos

Aumentaron o 18% as denuncias por violencia de xénero no confinamento. Alertaran diso as feministas e a ONU. As mulleres e crianzas sometidxs a un réxime de violencia teríano máis difícil. Volvían ser as persoas máis vulnerábeis dxs vulnerábeis. Un grupo de risco obrigado a convivir días enteiros cos seus maltratadores. E así foi. Unha muller de 35 anos, en Castellón, a primeira asasinada trala declaración do estado de Alarma. E máis feminicidios cando o medo ficou entre paredes compartidas.

En Arxentina, a aparición dunha nai e súa filla soterradas xuntas espertou a reacción masiva das organizacións de mulleres, que convocaron un ruidazo colectivo para alertar á sociedade de que ten que colaborar, denunciar os maltratadores, chamar á policía ao escoitaren berros ou discusións, entender que é un problema de todxs. Cristina e Ada, de sete anos, foron asasinadas por quen se confinara con elas, a parella de Cristina, na periferia de Bos Aires. Cans adestrados descubríronas nun pozo na vivenda. Unha sobre a outra, apuñaladas, envolvidas nunha saba. As peores predicións cumpríranse.

Un símbolo do que está a pasar entre os muros do mundo, agora obrigados a acubillar a vítimas e vitimarios. Falo disto para que non dubidemos en chamar á policía fronte á mínima sospeita. Non para delatar aos veciños rueiros, para axudar ás veciñas que corren perigo. Poderiamos incluílo nas tarefas do confinamento. Aplaudir os que salvan as nosas vidas (lembralo á hora de votar) e botar un ollo, as orellas, o instinto para salvar vidas en risco. Os infernos entre muros son os máis duros confinamentos.

Comentarios