Opinión

Gran

Mandos da garda civil argallan trolas coma verdadeiras fake news co selo de institucións estatais, o lawfare, a guerra xudicial, é arrebolada contra a testa do goberno para esnaquizalo; mais, se miramos ben, seremos quen de ver (ademais dunha oposición repugnante) que toda esta batida vai dirixida no fondo contra as feministas. Co obxectivo de derrubar os movementos de mulleres. Alí nos decatamos de que temos poder. Un poder do que non somos conscientes.

A estratexia do neoliberalismo fascistoide de importación (ten sucursais no mundo enteiro) trae de seu a proliferación de insultos, falsidades, andrómenas, ameazas e provocación. Iso é así, e custa diferenciar o que chamamos dereita do que chamamos ultradereita. As dúas son absoluto fascismo máis ou menos encuberto. Na ideoloxía e nas accións. Por desgraza, ou pola graza do caudillo, este país de países que chaman España é un niño de fachas da peor clase. Dá auténtico terrexío velos rir de todxs nós (e dxs mortxs pola pandemia, e das sanitarias que xa ninguén aplaude) tan rojigualdxs e tan pavos reais, tan mala xente que camiña e vai apestando a terra, que diría o poeta.

E que usen toda a artillería contra o 8-M, inventando, falsificando informes e negando a maior, denota que, como di Rita Segato, a guerra vén sendo contra as mulleres. Moito lles tiveron que doer as mostras planetarias de sororidade e potencia que se manifestaron nos últimos 8-M...! E xa non tragaron máis. Maquinaria machirula ao completo para mandarnos á fogueira. Somos o anticapitalismo activo, quen pode de verdade desactivalo. O gran no cu do sistema.

Comentarios