Opinión

Gooooooool!

O 25-N, en pleno exercicio do noso dereito a lembrar as irmás vítimas de feminicidios, unha nova que deu a volta ao mundo non só agochou as nosas demandas de xustiza, senón que nos retrocedeu até a casa de saída. Abondou coa morte dun futbolista famoso en todas as galaxias, para que moitas de nós, demasiadas, esquecéramos a cifra insoportábel de mulleres asasinadas polo feito de selo.

Na cerna da historia, na Arxentina das manifestacións multitudinarias de mulleres polo dereito ao aborto, contra os feminicidios, o “Nin unha menos” (nun país onde xa houbo 1698 feminicidios este ano, e ocupa o tristísimo terceiro posto no continente tras México e o Brasil), unha masa inconmensurábel de persoas entre as que se atopaban milleiros de “feministas” comezou a imparábel deificación do “astro”, deixando totalmente de lado que o futbolista era un exemplo execrábel de comportamento cara ás mulleres.

Non contentas co endeusamento do macho, xerouse unha guerra nas redes en contra das que non estabamos dispostas a traizoar aquilo no que cremos: insultaron, ridiculizaron, ameazaron. Abriron unha greta de difícil soldadura. Membros do goberno do Estado español pronunciáronse no mesmo censo: a loanza do heroe do pobo nado nos arrabaldes da pobreza, cun vocabulario de “esquerdas” e unha suposta conciencia de clase (que non lle impediu vivir no luxo constante). Pensa que o brazo que che dá o lapote ten tatuada a imaxe do comandante Guevara, baby.

A resposta, impagábel: unha rapaza galega, sentada no chan, de costas, no minuto de silencio. Paula Dapena, o gooooool! que nunca deixaremos de berrar.

Comentarios