Opinión

Fendas

O feminismo parece hoxe un campo de batalla. Trasladáronse alí as fendas e as dúbidas da sociedade. Algunhas, lóxicas, devidas necesariamente do crecemento exponencial que se produciu nos últimos anos, nesta cuarta ola; outras, claros cabalos de Troia instaurados polo sistema na cerna das diferentes organizacións, para destruír o traballo realizado.

Ás veces, ocórrenos ás maiores, as que levamos décadas cargando bandeiras moradas, que non sabemos moi ben como actuar ou que postura tomar fronte a situacións que por momentos nos desbordan. Falo por min, mais é produto de conversas con outras compañeiras da mesma franxa de idade.

Parece obvio que cada etapa ten que estar marcada polas necesidades e os obxectivos a cumprir das mulleres nela, mais non creo que isto sexa un tema xeracional, nin de adanismo (deixémolo e lilithsmo), como tamén se escoita por aí. Penso que as augas baixan enlodadas, que hai desconfianza e un estar á defensiva por parte dos dous grupos (supoñendo que fosen dous e supoñendo, tamén, que fosen grupos). Eu non son de estar no medio, nunca o fun, só que agora non teño o máis mínimo desexo de pelexar con ninguén.

Gustaríame que continuásemos avanzando, debatendo, mudando ideas, se hai que mudalas, abrindo portas, se están pechadas, con atrancos, como for, mais cara a adiante. Sen insultos nin descualificacións. Sen prexuízos. Sen pensar que as outras son as nosas inimigas.

Porque o inimigo non mudou. Segue a ser o patriarcado, o fascismo rampante, o neoliberalismo que nos esmaga, o sistema prostituínte que nos escraviza, o machismo que nos mata.

Comentarios