Opinión

Feminismo para presidentes

Do que vexo en Bos Aires, este verán, subliñarei accións que marquen avances nas loitas das mulleres. Como a xornada de capacitación en xénero e violencia impartida pola histórica Dora Barranco ao presidente Alberto Fernández, e todo o seu gabinete, en cumprimento da «Lei Micaela».

Esta lei obriga xs traballadores do Estado a recibir capacitación en violencia contra as mulleres, sen importar o seu rango. Chámase Micaela por Micaela García, unha rapaza de 21 anos asasinada en Gualeguay (Entre Ríos) por un home con antecedentes por violación. Foi aprobada en Deputados e no Senado por unanimidade. O goberno de Mauricio Macri, acosado por unha recua de denuncias, debeu ceder á presión social en decembro de 2018. O fallo que absolveu os imputados polo crime de Lucía Pérez, outra moza brutalmente violada e asasinada, evidenciou a necesidade de formar os profesionais de todas as áreas en materia de xénero.

Era o tempo do #Metoo, da caixa de Pandora, das monumentais marchas do 8 de Marzo e as «pibas» exixindo a despenalización do aborto; as mulleres, sobre todo, as máis novas, fixéronse máis visíbeis que nunca.

O Instituto Nacional das Mulleres certifica as capacitacións e non é posíbel negarse a recibilas. Faise un seguimento de cada unha das institucións para asegurar o seu cumprimento. Hai unha semana todos xs ministrxs e o presidente recibiron dita capacitación. Seica só un xesto, mais un xesto que convoca á esperanza.

Comentarios