Opinión

O feminismo muda as sociedades

Hai un par de anos, unha moza moi nova foi violada 41 veces nun barrio de Bos Aires. Sorprende a cantidade de veces, as e os propios xornalistas dubidan cando len: non o poden crer. Mais foi verdade.

Como ocorreu? A rapaza era secuestrada puntualmente do seu domicilio. Estaba aterrada. O violador ameazáraa con asasinar a toda súa familia se denunciaba; ela resistiu estes salvaxes ataques nos que era violentada, drogada, magoada.

Nese tempo as mulleres saíron ás rúas a berrar polos seus dereitos reprodutivos, fixaron unha presenza constante e combativa. Foron vistas e escoitadas. Por outra banda, o agresor desapareceu da vida da rapaza como aparecera e seguiu delinquindo. Roubaba coches de alta gama, asaltaba negocios, asasinaba. Cometeu homicidios e apuñalou a un policía que o intentou deter.

A rapaza, que seguramente viviu momentos pavorosos, non esqueceu a barbarie que sufrira. Só estaba a xuntar a forza e agardar. Nese tempo a sociedade foise transformando e as rúas enchéronse de panos verdes; a rapaza foi medrando na súa conciencia, na certeza de que nin ela nin

ninguén merecía ser tratado dese xeito, na necesidade de que as condutas criminais recibisen castigo.

Entón, cando ocorreron roubos adoito nunhas carnicerías (cousas diarias e continuadas) e cando se amosaron na televisión os vídeos das cámaras de seguridade, a rapaza recoñeceu inmediatamente o seu agresor, que, impunemente, asaltaba a cara descuberta. Atopou o momento propicio para denunciar e comezar a baleirarse de tanta dor, liberou a sociedade dun delincuente perigoso. O feminismo muda as sociedades.

Comentarios