Opinión

Fe

A fe din que move montañas e pode que así sexa. Neste mundo de pillabáns lexitimados pola desvergoña reinante é, ademais, un gran negocio. Xamais se me ocorrería poñer en cuestión as crenzas das persoas. Eu devezo por ter fe en algo fóra dunha parte ás veces pequena, ás veces grande, da humanidade. E non o consigo. Que se lle vai facer...! Mais admiro a quen cre que algo superior a todxs nós podería, se quixer, pór algo de orde neste cambalache. 

Coa fe que salva, a que compensa dos infortunios cotiás: a miseria, a inxustiza, a morte, fanse boiantes business. E non só iso: danse golpes de Estado, múdanse gobernos, espállanse privilexios de caste. 

A serie arxentina O Reino fala diso. Do avance, até agora imparábel en Latinoamérica, de múltiples versións relixiosas mestura das xa coñecidas, avaliadas con moitos dólares dos poderes. 

Non hai espazo para tentar unha crítica. Só subliñar que o guión é dunha escritora arxentina de orixe galega (que recoñece e valora a súa galeguidade), Claudia Piñeiro, e de Marcelo Piñeyro (ignoro se recoñece ou non a súa). Claudia Piñeiro é unha moi boa escritora de suspense con connotacións sociais e políticas, valorada e con varias das súas novelas levadas ao cinema, como As viúvas dos xoves, dirixida tamén por Marcelo Piñeyro. Xuntos fan esta serie necesaria. Que se critica por todas as bandas, e é lóxico, mais que eu considero valente, alén das achegas estéticas ou discursivas.

É un melón que alguén tiña que abrir e escachizar. Para quen teña curiosidade por saber onde está boa parte do verdadeiro mal e, tamén, un outro xeito de aniquilarnos. 

Comentarios