Opinión

Eu son Rosalía

Eu son Rosalía é a consigna para este ano da asociación de escritoras e escritores en lingua galega, nos actos de festexo polo aniversario de Rosalía de Castro. Unha consigna que non podería ser máis axeitada e, tristemente, menos fóra do tempo.

Eu son Rosalía é a consigna para este ano da asociación de escritoras e escritores en lingua galega, nos actos de festexo polo aniversario de Rosalía de Castro. Unha consigna que non podería ser máis axeitada e, tristemente, menos fóra do tempo. Rosalía e o seu legado son tan vixentes, que estamos a rabuñar canto ela sabía e coñecía de nós, buscando respostas. Hoxe, a lingua pola que ela deu case que a vida esmorece a conta de políticas galeguicidas que, amais de recortar cartos necesarios para desenvolver calquera promoción do noso maior tesouro, van directo á xugular da identidade, da autoestima, da cultura e da esencia daquilo que nos fai ser quen somos.

"Rosalía e o seu legado son tan vixentes, que estamos a rabuñar canto ela sabía e coñecía de nós, buscando respostas".

E Rosalía tamén está presente no seu indiscutíbel feminismo, na súa defensa das mulleres que, máis ca nunca, temos que armarmos de valor para que anos de loita infatigábel non se convertan en papel mollado.
Cando as galegas  descubrimos que o noso facer é o peor pagado do estado e está a oitenta días do traballo dos homes á hora de converterse en salario, cada vez máis indigno. Cando nos seguen matando con impunidade alarmante, favorecendo o feminicidio cos recortes que esixe Europa e que, aquí, son aínda máis europeístas (no peor sentido da palabra). Cando as leis se pensan para protexer aos pais maltratadores e o dispor dos nosos corpos inda segue a poñerse en dúbida. Cando miles de persoas, moitas mulleres maiores, seguen a ser desafiuzadas, perdendo todo o que constitúe a súa base de sustentación, e son excluídas. Cando o paro e a miseria teñen cada vez máis rostro de muller. Cando a nosa xuventude ten que tomar, de novo, o camiño da emigración como única saída. Cando o ensino superior vaise pensando para rexeitar a milleiros de estudantes, rapaces e rapazas novos, que por mor da economía quedarán relegados e relegadas a un futuro prometedor só para ricos, como non haberíamos de ser Rosalía? Como, ademais de recordala, non teríamos que berrar coma tolas e tolos que está máis viva ca nunca? Como non facer nosa a súa rebeldía insubornábel?

Na praza de abastos de Lugo lembrouse a Rosalía. Unha ledicia ver como a súa herdanza é un signo de pertenza, como as traballadoras lían os seus poemas, como todas e todos seremos sempre Rosalía.

Comentarios