Opinión

Elas

Se algo gañamos as mulleres nestes tempos é que non nos van poden borrar da historia coma sempre o fixeron. Estivemos en todo, e agocháronnos.

As revoltas de Chile cumpren un ano ao tempo que se ve a súa pegada máis definitiva: a obriga do Goberno de chamar a crear unha nova Constitución, no canto da que deixou Pinochet en 1980, que, ademais, será a primeira feminista do mundo.

Pagou un alto prezo o pobo de Chile por acadar este dereito: milleiros de persoas presas, torturadas, encarceradas. Vénme á mente ‘A Mimo’, Daniela Carrasco, aforcada nun parque de Santiago, que se converteu en emblema das revoltas, e as 352 persoas que perderon os ollos polas balas de goma.

O pobo de Chile coñece a dor, a represión, as inxustizas; malia ter unha economía potente é un dos países máis desiguais de Latinoamérica, por mor das políticas neoliberais que introduciu a ditadura e que seguen vixentes co Goberno de Piñera. Mais o pobo de Chile sabe loitar coma poucos. Talvez ese sangue mapuche que trouxo a mal traer aos conquistadores estea marcando o paso a estas xeracións de estudantes que, como as da canción de Violeta Parra, «son aves que non se asustan de animal nin policía», e acharon a forza suficiente para pasar á historia. Os seus saltos por riba dos molinetes do metro como protesta ao aumento de 30 pesos decretado polo Goberno, foron o detonador do estalido.

As chilenas, escudeiras da «Primeira Liña» á par dos homes, enfrontándose man a man cos «pacos», ou sinalándolle ao mundo os violadores (Las Tesis), deixaron claro que non hai volta atrás. A revolución será feminista ou non será.

Comentarios