Opinión

Desfigurar

Cando eu era unha nena, aló polos 60 do pasado século, lin nos periódicos sobre mulleres que foron queimadas con vitríolo. Lembro o estupor e a indefensión que me causara. Foi unha «moda» que se espallou polo continente. Moitas mulleres quedaron desfiguradas porque alguén decidiu que esa era a súa potestade. Eu non conseguía nin consigo que aquilo me entrase na cabeza. Malia que a lóxica indique que unha sociedade desfigurada desfigura. A finais do século XIX, ten lugar unha onda de agresións en Francia e o Reino Unido; as denuncias nunca obtiveron resposta. En moitos lugares do mundo ocorre ininterrompidamente (India, Pakistan). As imaxes de mulleres desfiguradas polo ácido quitan o sono. Elas e as súas vidas quedan desfiguradas. As sociedades desfiguradas desfiguran.

Hai uns días, en Málaga, ocorreu de novo. O exnoivo dunha rapaza botoulle ácido a ela e á súa amiga. Fuxiu e aínda non o colleron. A rapaza (a exnoiva) está grave. A súa vida tamén desfigurada. Por que o fan? Porque poden. E poden porque unha sociedade desfigurada o permite. Poden porque a maioría dos homes non fan nada para diferenciarse deles. Poden porque moitas mulleres pensan que non vai con elas. Poden porque os minutos de silencio calman as conciencias e, a fin de contas, as vítimas só son números dunha listaxe tráxica. Poden porque moitas veces as propias institucións contribúen ao maltrato ou á morte. Poden porque as feministas non somos quen de pór a forza suficiente nesta loita. Poden porque una sociedade desfigurada desfigura o fondo e a forma, agóchanos, exclúenos, invalídanos: desfigúranos. 

Comentarios