Opinión

Desexos

A noite cae sobre o piso de menos de cincuenta metros cadrados. A única saída ao exterior, a ese exterior que case non se pode nin pisar, é un balcón diminuto que dá a un patio de veciñanza, protexido con barrotes porque hai crianzas na casa.

As crianzas non van á escola, mais realizan multiplicidade de tarefas online no ordenador familiar, que só pode usar un/ha cada vez. E o pai, o único que mantivo o seu traballo, precisa esa computadora unha interminábel cantidade de horas ao día. Coma se ao traballar na casa os xefes pensaran que o ía tomar como vacacións adicionais.

As nenas, dúas nenas, son ben pequenas e, malia entender que fóra habita un inimigo moi poderoso que mata xente a eito, están cansas, aborrecidas e fartas de non podérense mover a vontade nun espazo que, ademais de mínimo, está ateigado da vida dos catro habitantes da casa.

A nai non ten traballo. A pandemia partiu en dous os seus esforzos que semellaban encamiñarse a bo porto. Non ten traballo pago, hai que dicir. Do outro, do de limpar, ordenar, cociñar, recoller a merda de todo o mundo, acompañar as fillas nas tarefas escolares, facer as compras, de todo iso, sóbralle.

O que non lle sobra é un insignificante espazo propio, nunha casa que malia ser pequena, só ten boa conexión na mesa do comedor, onde se xanta, traballa o pai, fan as tarefas as nenas no mesmo ordenador que van pasándose e que nunca chega a ela porque o ciclo remata á noite, cando hai que duchar as nenas, darlles de cear e preparar o escenario do día seguinte. O desexo dunha habitación propia vai producir moitas neuroses e ansiedades.

Comentarios