Opinión

Dereitos

O mundo funciona coma un reloxo avariado. Atrasa. Asistimos a diario a episodios máis dignos dunha cámara oculta que dunha realidade propia deste século, por máis distópica que sexa a época presente. 

Os partidos de ultradereita, alimentados pola deriva do neoliberalismo cara ao empobrecemento masivo e a apropiación do capital por moi poucos, «xa están aquí» (estaban, mais menos visíbeis); son necios, medran coa ignorancia e a desigualdade, o desencanto respecto á política, o sindicalismo que nin sabe nin contesta, a miseria cotiá, que se sente cada vez máis. 

Dixo Simone de Beauvoir que ningún dereito feminino estaba consolidado. A dereita extermina os dereitos, sobre todo os das mulleres.

É o que está a suceder en Polonia. En novembro do ano pasado falamos das protestas masivas contra as estritas restricións da lei máis estritamente restrinxida de Europa que rexía en Polonia. Entón, o líder do partido gobernante (Jaroslaw Kaczynski), dixo que quería que se levasen a termo os embarazos dos fetos non viábeis para bautizalos e enterralos. Podedes imaxinar sadismo semellante?

Agora, malia as xigantescas manifestacións, conseguiuse. O Tribunal Constitucional polonés ilegalizou o aborto en caso de malformacións graves do feto, suposto no que se amparaba o 97% dos escasos 1.000 abortos legais realizados no país. Só se considera o incesto, a violación e o perigo para a vida da nai (en San Mariño, Andorra e Malta non se permite en ningún suposto).

As polacas (e moitos polacos) seguirán pelexando. Din que isto apenas comeza. E eu acredito, porque o futuro será feminista ou non será.

Comentarios