Opinión

Dentes

O mundo, nun click, deixou de ser o que era. E iso que o que era non conformaba a case ninguén. Como habería de conformar unha estrutura global na que o 1% acumula o dobre de riqueza do resto? Como habería de conformar cando as desigualdades marcan as vidas e as mortes de milleiros de persoas? Como habería de conformar se dentro do espazo máis vulnerábel estamos as mulleres?

Non, claro que non conformaba. Enganábamos coa ilusión das utopías por vir e aceptabamos a distopía cotiá. E no medio desa parálise de pensamento ocorreu o que ocorreu. Unha partícula parasita, que precisa de nós para propagarse, colleu o planeta por asalto.

E veu o lobo. E fincoulle os dentes até o primeiro ministro negador do Reino Unido. E matou até hoxe unhas trescentas mil persoas. Sen máis. Seres humanos. E ademais fixo unha masacre expositiva dos medios cos que contabamos no «primeiro mundo» para loitarmos contra el. Ren. Moita xente abnegada, incansábel, envolta en bolsas de plástico. Rapina durante anos das políticas neoliberais sobre o público. Destrución e baleiramento da sanidade de todxs. Centos de sanitarias pagárono coa propia vida.

Mais o monstro grande, o inmenso, o depredador a tempo completo: o capitalismo, tamén amosou os remendos. Os que sempre tiveron máis terán e, nesta chalupa na que se supón que imos todxs, as quenllas dan antes conta dxs vulnerábeis. Non só o bicho con coroíña mata. Mata a fame, a violencia, non termos asistencia médica, nin teito, nin consideración social.

E digo eu: agora que está en coiros o monstro grande, por que non lle fincamos a el o dente?

Comentarios