Opinión

Costuras

Asociedade amosa as costuras a cada paso. É inevitábel. Os remendos aparecen por moito que faga a progresía para que o conxunto presente o aspecto deste século. Foron moitos anos baixo palio. Negando o evidente, agochando as verdades nas cunetas, esmagando coa culpa, o pecado, o castigo. Malia que deses anos xa pasou tempo dabondo, ao parecer non foi abondo. Porque aí están as costuras, a rebentar e a amosar que graza lles fai a tantos a volta a aqueles tempos. O que lles presta deturpar o sentido das palabras, mentir en prime time. 

Por iso sabemos que xs menores non acompañadxs son perigosos asasinos dispostxs a asaltar a calma (chicha) que tanto nos custou acadar. Até van okupar as nosas casas; si, esas casas que os Bancos lles quitaron a tanta xente sen que tivese demasiada repercusión (sen contar xs máis de 10.000 suicidadxs por estes saqueos). As mulleres, todas unhas feminazis potenciais, pretenden ter voz e voto disidente. Tentan demostrar que os feminicidios son unha realidade atroz e imparábel, cando sabemos que son os homes os asasinados polas elas. Que a liberdade, que custou a vida de tanta xente, é susceptíbel de atoparse nunha pulseira rojigualda mercada nun chinés. 

Ningunha das nosas certezas e principios teñen agora cabida. É unha etapa da humanidade na que os despropósitos de hoxe prescribirán mañá, desprazados por outros maiores. Unha onda de «imbéciles e escuros» sae de debaixo das pedras: negan o holocausto, as vacinas, os dereitos das mulleres, dxs homosexuais, os crimes do franquismo e das ditaduras todas. Tranquilxs! Van ser as costuras que rebentan.

Comentarios