Opinión

Choivas

Alguén, poñamos unha muller, se pon a pensar no medio desta catástrofe que nos choveu a saber de que inferno, para intentar adiviñar que hai do outro lado. Se hai algo do outro lado. Se hai «outro lado», porque ao lugar de onde vén non quere voltar. Fartouse de rabuñar as pedras, coma quen di, durante os longos anos que transitou eses territorios que eles chamaron crise e nós sabemos que foi estafa. A duras penas conseguiu sobrevivir, ela e o seu pequeno clan, ás sesións diarias de nada de nada, adobadas con insultos, burlas, esquecementos. Remendou con puntadas invisíbeis os espazos de tempo suspendido entre golpes e acosos: bancos, falsas financeiras, máis falsas compañías eléctricas ou de gas ou de telefonía... Acostumouse a perdelo todo. Primeiro o teito, logo o que facía daquel sitio un fogar. Facendo esforzos titánicos conseguiu erguerse de novo. Con medo, por suposto. Sabía que estar de pé fora sempre unha ousadía, e ela aprendera que non entraba nas súas prerrogativas desafiar no máis mínimo a orde estabelecida. Cando algo semellaba mellorar, que ao outro lado podía estar a caixa daquela Pandora que aínda gardaba a esperanza, un redobre de tambores anunciou a chegada dunha nova ameaza. Horríbel, devastadora, apocalíptica. Unha pandemia que espiu o anti humano do sistema. A muller xa non era nova. Roubárenlle anos de vida os vaivéns dunha economía manexada dende lonxe por máquinas de facer cartos. Tampouco tiña ganas de coser novamente os farrapos. E deixouse estar, for o que for que houber do outro lado. As choivas sobre o mollado estalábanlle nas tempas.

Comentarios