Opinión

Capitalismo

Dende mediados dos 80 vénse denunciando. Antes foi aquí, as explotadas eran costureiras galegas. Cando outros paraísos onde o traballo e a vida dunha persoa vale aínda menos, mudaron o xeito de confeccionar. Sabemos os seus nomes.

O terríbel é que as 1.130 vítimas de Bangladesh (2013), as máis de 20 de 2016, e as deste mesmo mes en Rabat (28), son as caras dunha mesma moeda. A cobiza de grandes marcas internacionais por abaratar custos, sen reparar nas condicións de traballo (escravistas) das persoas, a maioría mulleres, novas, que cosen en situacións infrahumanas en obradoiros legais ou clandestinos (non difiren gran cousa), por salarios que poucas veces exceden os 100 euros ao mes, para elas.

As multinacionais do téxtil subcontratan “empresarios” de países empobrecidos, quen, á súa vez, “contratan” (a maioría das veces non gardan ningunha relación legal co persoal) xente que non ten outra posibilidade que aceptar traballos indignos, salarios indignos, condicións indignas e, cuxa vida, para o gran capital, vale menos que a bala que xs mata (chegado o caso), que diría Galeano. 

Nalgún momento da cadea, a empresa contratada resulta ser ilegal e non está rexistrada: quen responde  en caso de traxedias evitábeis coma esta? Quen paga polas vidas de tanta xente? Quen se enriquece coa vida e coa morte de seres humanos?

Non haberá xustiza para estas mozas (e mozos), porque a lóxica do capitalismo non os inclúe. Para o sistema non son máis que produtos rendíbeis e rexeitábeis. Nós podemos, ademais de denunciar, cortar a cadea: non mercar esas marcas que consomen sangue humano.

Comentarios