Opinión

Cando os contos se deixan de contos ou cando os contos veñen a conto

A literatura infantil e todas as expresións artísticas das que as crianzas abeberan de valores é absolutamente inabarcábel nun artigo. Mais como me dá voltas á cabeza dende hai tempo (ser avoa inflúe o seu), vai sendo hora de comezar a abordala. O máis obvio que se me ocorre sinalar é que a literatura é arte, independentemente de a quen vaia dirixida. O segundo, outra obviedade, é que o compromiso coa igualdade ten que se contraer dende a nenez, onde o que se escoite, se vexa pola tele, no cine, no teatro, nos videoxogos, é fundamental para desenvolvermos en valores. Non vou deixar caer unha lousa como é a de formar o futuro da humanidade nas persoas que escriben, ou fan animación, ou ilustran, ou traballan dalgún xeito para o público infantil. É de desexarlles, claro, un sentido da ética; e non para introducir a discusión do politicamente correcto –seica para outras reflexións-: porque todo o que non forma deforma.

A responsabilidade da educación das crianzas é da familia, mais que dúbida cabe que a sociedade, a escola, inflúen nas súas mentes. Por iso é de salientar o esforzo de tantas persoas por transmitir os valores que elas xa traen aprendidos da casa. Non ao servizo das historias e en demérito da creatividade, mais si naturalmente, fluíndo, aceptando o desafío de poñer o grao de arena que mellore algo ao mundo.

Moitas xeracións de nenas e nenos escoitaron, leron, historias crueis que remitían á violencia contras as mulleres ou á violación naturalizada

Do mesmo xeito que nós movemos o corpo sen prestar atención á letra de cancións que nos denigran e perpetúan o sexismo, as e os pequeniños escoitan que se non dormen os vai comer o coco ou que se non se portan ben os vai levar o home do saco. Moitas xeracións de nenas e nenos escoitaron, leron, historias crueis que remitían á violencia contras as mulleres (Barbazul), á violación naturalizada (a versión orixinal da Bela Adormecida, Talía, Sol e Lúa, dulcificada por Perrault e os irmáns Grimm), os contos das mil e unha noites –de feminicidios- Branca de Neve e a súa adicción á escravitude, o abandono infantil de Hansel e Gretel e a antropofaxia da bruxa, a violencia unha e outra vez.

Estudos rigorosos dan conta de que os heroes dos debuxos manga atúan á violencia. Esta non é un recurso contra o mal senón que forma parte das súas vidas, o mesmo que o competir cos seus propios amigos. Banalidade do mal á xaponesa. Dragon Ball enche a pantalla de morte e terror psicolóxico: a crueldade garantida. Pokemon propón unha exaltación do combate chea de puñazos, patadas e malladas sobre as vítimas. Hai outros, por non meter á factoría Disney, que agora anda a querer axustarse aos tempos, pero que deixou perlas coma esta: “Os homes non te buscan se lles falas. Non creo que lles queiras aburrir. Alí arriba, é preferíbel que as damas non conversen, a non ser que non te queiras divertir. Verás que non logras nada conversando, a menos que os penses escorrentar. Admirada serás, se calada sempre estás. Suxeita a túa lingua e triunfarás” (Úrsula, a bruxa do mar, A Sereniña). 

Mais do que si me gustaría falar no remate é das experiencias positivas, que habelas hainas, do mesmo modo que hai bruxas pero tamén bruxos

Nin entrar no mundo dos videoxogos porque iso require cando menos un libro, só lembrade canta morte se espalla por eles, e de canto sexismo gratuíto e denigrante empapa, queiramos ou non, as mentes fértiles de raparigos e raparigas. Nenos e nenas que gardarán nalgunha parte do seu ser a crenza de que non son iguais e que as cousas seica están ben como están.

Mais do que si me gustaría falar no remate é das experiencias positivas, que habelas hainas, do mesmo modo que hai bruxas pero tamén bruxos. E dentro desas maneiras diferentes de entender e axudar ao goce das e dos pequenos está a obra Gretel e Bela dirixida polo Teatro da Semente, coa interpretación de Raquel Queizás e Chus Álvarez sobre un texto de Manuel Lourenzo. Trátase dun traballo que mergulla nos contos da infancia dos que falabamos antes, para cambiar o conto, para derrubar estereotipos, para empodeirar ás nenas, para poñer en valor a igualdade, a amizade, e a colaboración para vencer xuntas ao medo e aos perigos cos que nos atopamos na vida, cos que se atopan precisamente as nenas. Unha posta preciosa, coidada, visualmente impecábel, unha actuación impresionante destas dúas mulleres, e un contido que respecta ás crianzas, que non as inmobiliza, que non as engana. Que lles fala dos verdadeiros riscos aos que se hai que saber enfrontar con intelixencia e coraxe. Sen o edulcorante que ás veces impón o politicamente correcto. Vencendo o medo ao medo. As nenas, Gretel (Hansel e Gretel) e Bela (Bela adormecida), decátanse de que non teñen que agardar a chegada de príncipe ningún porque elas son quen de se apañar e avanzar cara ao futuro. Claro que está presente o ben e o mal, coma na vida mesma. O que cambia é a maneira de andar, o xeito de se mover en defensa da propia liberdade e da liberdade das outras: sororidade pura. Para crianzas que non terán prexuízos en pasar de heroes –o de sempre- a heroínas, tendo moi claro que ambos os dous son iguais ca elas e eles: persoas tratando de medrar sas, na procura da felicidade.

Comentarios