Opinión

Britney

As mulleres como produtos, fontes inesgotábeis de servizos e atención, dispensadoras de coidados familiares e sociais, non somos nada novo. Pasamos de ser as inútiles que lamentabelmente nacemos nun corpo equivocado, ás únicas que podemos “sacar as papas do lume” cando os xenios fracasan. Para un roto e para un descosido, e non vos estrañedes, até non hai nada ―en moitas partes aínda é; confírmano os abortos selectivos― a sociedade en xeral e os pais en particular preferían os nenos (meu pai tardou unha semana en coñecerme, do desgusto que levou). 

En fin, que cando unha nena sae talentosa, e este é o caso de Britney Spears, tanto a industria como a familia afían as gadoupas para levala pola corredoira axeitada e sacarlle todo o zume posíbel.

Por razóns de idade e gustos, non son fan de Britney, mais a súa historia, xunto a barbaridades varias que veñen do imperio, é a que me leva a falar dela. Porque a pobre, coma tantas mulleres ao longo do tempo, foi considerada incapaz de levar adiante a súa propia vida polos tribunais de xustiza dos USA. Os mesmos que autorizaron o seu pai, ao parecer un caneco de vella caste, a manexar a enorme fortuna xerada pola rapaza. Será moi incapaz, mais cartos a moreas si que sabe producir. 

Deume por pensar na princesa Latifa, a filla do emir de Dubái, da que xa falaramos. Privada de liberdade de movemento e acción, seguramente porque tamén será incapaz para manexala, o que vén ocorrendo coas mulleres dende o comezo dos tempos. Britney, Latifa, Juana Rivas, Irume Costumero e millóns de mulleres. Distintas historias, o mesmo patriarcado infame. 

Comentarios