Opinión

Botalos

En medio da tormenta cómpre favorecer a existencia dun espazo. Aquel mítico cuarto propio. Temos que desintoxicarnos da barbarie mediática e da contaminación acústica das potas de deseño. Resetear. Para non volver a unha normalidade noxenta, para non baixar a garda nin por erro.

A pandemia e xs pandemeirxs están a se levar por diante, inténtano, o cúmulo de logros acadados por nosoutras en tantas décadas de partos sen anestesia.

O facherío chea as rúas coa rojigualda, coma quen rexeita que a súa equipa perdese a final da liga. Son infantís, ignorantes, soberbixs. Malas persoas. Meten medo, e como non! Corenta anos dxs seus impoñendo o terror. A humillación, a noxenta caridade, o meapilismo, e o réxime de privilexios (ou sexa, a perda de dereitos: meus, teus, da maioría). Por non falar de tortura e morte, violacións masivas nos cárceres e campos de exterminio propios e alleos, xentileza da ditadura.

Para xs da rojigualda somos menos que escoura. Xamais elevarían a voz nin petarían co pau de golf contra a tixola para defender un dereito colectivo, para condenar un feito inxusto.

E tédeo claro: virán por nós. Por todas, especialmente as que levamos berrando media vida e que nos últimos anos conseguimos ser escoitadas. Xa están aquí. Cumpríronse os peores presaxios. Non fomos quen de paralos a tempo e chaman ás fervenzas de ríos de sangue (nosa, claro). Non só temos que estar alerta, temos que crear autodefensa. Trazarmos liñas vermellas que non atravesen. Defender cada dereito como fixeron as sufraxistas co voto. Mobilizar as rúas. Botalos.

Comentarios