Opinión

Billy o criminal

Os asasinos con poder sobre a vida doutras persoas, os xenocidas, asáñanse cos corpos e as vidas das mulleres. Explícao Rita Segato en A guerra contra as mulleres, di que na base destas violencias se recoñecen marcas dun novo Estado Moderno Patriarcal; crueldade extrema contra nós e unha mensaxe dirixida á sociedade toda.

Testemuñas sobreviventes da ditadura arxentina confirman ese odio encarnizado cara a elas: tortura focalizada, violacións masivas, denigracións múltiples, abortos, roubo e asasinatos dxs fillxs...

Unha militante revolucionaria contoume en Suecia, onde estaba exiliada, a brutalidade dos castigos recibidos ao caer presa en Uruguai nos anos 70. Destruíronlle os seus xenitais, impedíronlle, coma eles querían, ser nai, algo que ela desexaba.

En Migas de pan, candidata ao Oscar por Uruguai en 2017 (da directora uruguaia Mánane Rodríguez), fálase desas torturas. E nas ducias de testemuños de sobreviventes da ditadura arxentina «chupadas» (en argot militar, desaparecidas) na ESMA e outros campos de exterminio, repítese o modus operandi. Ocorreu milleiros de veces (Fujimori fixo esterilizar máis de 300.000 indíxenas), o “Corpo de Paz” dos EE.UU esterilizou milleiros de mulleres en 1969 en Bolivia, e así unha sucesión interminábel.

Compañeiras sobreviventes das ditaduras asumían que aquilo era parte do castigo de caeren en mans inimigas, non chegaban a ver que había moito máis: crimes de lesa humanidade engadidos.

Ya no parirás más, puta, palabras do criminal que acaba de morrer sen xuízo a Lidia Falcón, tras a salvaxe tortura. E foise coas medallas.

Comentarios