Opinión

Artistas

Con ou sen pandemia a xente que se dedica á cultura en xeral, e as artes en particular, ve acoutado o campo de acción e as posibilidades económicas (eufemismo da lisa e chá supervivencia).

“Chovido sobre o mollado”, non atopo nada que o represente mellor. Unha situación estrutural que fai que as diferenzas entre homes e mulleres teñan especial significado no mundo elitista, e chosco dun ollo, das artes contemporáneas. Moitos estudos falan diso. Durante séculos, e esta mesma mañá. Non fai falla que vos dea datos específicos.

Sabede que, en xeral, se dan todas as desigualdades que coñecemos, mais aquí falamos de algo que nin se ve como traballo. Algo do que se podería perfectamente prescindir.

A arte contemporánea, que parece estar destinada a ornamento das residencias dos millonarios, estabelece categorías que fan da nosa vida unha viaxe en montaña rusa.

Marcadas pola procedencia, a conta bancaria, a cor da pel, o peso das relixións, as modas, e, sobre todo, por sermos mulleres. Porque segue sen ser o mesmo para as galerías de arte, os museos, as institucións públicas ou privadas e xs coleccionistas. Digan o que digan. Ríos de tinta virtual e anos de sufrimento colectivo e individual o testemuñan.

Hai que ter moita fe nunha mesma, moita teimosía, para ousar ser artista. E xa non digamos pretender vivir do noso traballo. O que tanta xente dubida se é un traballo.

Por iso, despois desta desgraza, moitas estamos perdidas. Tamén o están as artistas novas. Aquí non se salva nin a que leva a pancarta. Haberá que xuntarse para esixir coma todo o mundo, até os asasinos de touros.

Comentarios