Opinión

As artistas, as eternas excluídas

As mulleres en todos os ámbitos somos discriminadas polo feito de sermos mulleres. Unha realidade que dificilmente poida ser superada nos tempo das nosas vidas. Mais esa ocultación só demostra que estivemos alí, que sempre estamos, que sempre estaremos. Sabemos que a educación é o camiño. Por iso, cando nos choven sobre a cabeza novas que indican actitudes negacionistas temos que alzar a voz. E a noticia de que as probas de avaliación de Bacharelato en Historia da Arte só inclúen artistas homes é unha alerta ben gorda coma para non quedar caladas. Fronte a isto, o alumando do IES Val do Tea de Ponteareas reclama que se incorporen artistas mulleres no temario da ABAU; un programa que vai dende a prehistoria até hoxe. Tempo que, ao parecer, non abondou para que ningunha muller fixera algo de relevancia. Dito doutro xeito: non existiron nin Artemisa Gentileschi, nin Frida Kahlo, nin Louise Bourgeois. 

Unha alumna do IES Val do Tea de Ponteareas deu a voz de alarma. Non atopou ningunha artista entre cen autores. Ninguén se decatara de que a exclusión de todas as artistas mulleres do programa era un feito consumado. Agora están a mobilizarse. A deconstrución é un proceso lento e azaroso; cando esquecemos pór as gafas violeta, non vemos o evidente e o patriarcado se impón por cansazo. A nosa obriga é estarmos alerta e denunciar. Quen nega a máis da metade da poboación comete un delito. Os dereitos das mulleres son dereitos humanos.

Comentarios