Opinión

Acreditar

Vivimos tempos difíciles nos que, por obra e graza do neoliberalismo e o seu reparto de miserias, agroman por todas partes os fascismos. Tempos en que medran xs inquisidores. Persoas que se senten con dereito de xulgar a vida e milagres dxs demais. E de compartir publicamente as súas sentenzas.

As redes sociais son o agocho perfecto para francotiradores de descualificacións. De quen opina como deben vivir xs outrxs. Como teñen que sentir e que poden ou non dicir. En nome de a saber que regras morais das que, elas, eles, se colocan fóra. 

Con esta vara de medir decidiron que unha muller ten que calar toda a vida o maltrato recibido, moitísimo máis se por contalo engrosa a súa conta bancaria (para eles, elas, é inhabilitante).

Eu non vin o programa de marras. Non me fixo falla. Acreditei nela dende o minuto cero. Importoume pouco que a maltratada fose coñecida por ser filla dunha moi coñecida, e que lle pagasen por falar da súa tortura.

Temos os datos, as estatísticas, a historia. Eu acredito en ti, irmá, non pode ser unha frase baleira. Hai que acreditar, e para iso só fai falla ollar dentro de nós.

Lembrar a nosa infancia. Pensar en todas, ou case todas, as mulleres que coñecemos, marcadas pola sombra alongada do patriarcado. 

Cando unha muller denuncia hai que escoitala. Faino como pode, no momento e na circunstancia que ten á man. E o de cobrar ou non, síntoo, mais neste caso non ten relevancia. O importante é pór o dedo na chaga dunha sociedade indolente, xorda, durmida. Unha sociedade que non quere ver e moito menos comprometerse coas vítimas. Unha sociedade anestesiada.

Comentarios