martes 01/12/20

Accidentes

Sempre me preguntei que habería detrás de tantos matrimonios aparentemente felices, cunha posición desafogada, sen motivos para non ter unha vida apracíbel. En moitos casos comprobei que eran a casca dunha estrutura morta, un deixarse estar pour la galerie, un signo destes —e outros— tempos baleiros de humanidade.

Unha nova do veciño Bierzo vólveme a esas dúbidas. Di que Raquel Díaz, unha coñecida avogada dunha coalición política influínte na rexión, foi trasladada ao Hospital Nacional de Parapléxicos, despois da malleira «supostamente» recibida do seu home.

O individuo, un tal Pedro Muñoz, preso á espera de xuízo, di que se tratou dun accidente. É lóxico: todos os días hai accidentes despois dos cales as mulleres rematamos nos hospitais ou no cemiterio. Accidentes con coitelos, cordas, paus, pistolas, varandas dende as que nos precipitamos sen tino... A lista é grande, aínda que a imaxinación non é tanta. Sempre se trata do mesmo: feminicidios ou intentos deles que por sorte fallan.

O tal Muñoz, segundo as redes, fixo un roteiro partidista importante que comezou coa Unión do Pobo leonés e seguiu co PP (Asuntos socias e da Muller, toma!), até rematar en Coalición polo Bierzo.

Semella que a vocación política non a tiña tan clara coma a de maltratador, porque na segunda empeñouse a fondo. Raquel Díaz, a súa dona, sufriu unha grave lesión medular, traumatismo cranio encefálico, feridas no peito e nas costas e hematomas repartidos en varios puntos da cara, brazos, pernas e pés (coma inducido). Unha tetraplexía non simétrica que só lle permite mover unha man. Accidentes...!

comentarios