Opinión

A saúde das mulleres

Hai tempo que tiña ganas de falar sobre o efecto devastador do patriarcado na saúde das mulleres. Coñezo, desgrazadamente, as consecuencias de padecelo coma doente ou velo noutras mulleres, mais como non son especialista nin moito menos, pescudei algo partindo de quen sabe do tema. Lin bastante, nunca é dabondo, e quedei máis confusa que cando pensaba as dúbidas comigo mesma. O dano que sufrimos na nosa saúde polo feito de sermos mulleres é enorme, e tan inabarcábel que apenas esborrancharei algunhas pinceladas para que, algunha vez, nolo expliquen as sabias da tribo. As mulleres, o sexo débil até non hai moito, vivimos unha media de oito anos máis ca os homes. O conto é podermos entrar nesas vidas, as nosas, e deducir cantos deses anos están dedicados ao sufrimento. Pois, como dixera hai pouco nunha entrevista Modesta Salazar, ex diputada socialista, matrona e doutora en Saúde Pública, as mulleres somos quen velamos polo estado de benestar dos demais. De todas e todos os que nos rodean: irmás e irmáns, fillas e fillos, persoas maiores, homes… e estas asimetrías inflúen tanto na nosa vida que, ás veces, é calquera cousa agás nosa. Hai xa tempo, e falla facía, comezouse a falar con visión de xénero da maternidade e a súa influencia nas vidas das mulleres. O xardín de rosas que nos prometían e que viña envolto nun mandato social practicamente ineludíbel (que desmontarán as seguintes xeracións de mulleres), traía unha chea de espiñas que non estabamos en condicións de ver, e ese axuste á vida dos demais que traiamos inculcado por defecto, non conseguía máis que a nosa insatisfacción permanente. Xa se entramos na depresión posparto, non recoñecida nin apreciada aínda hoxe no seu alcance, na medicalización do propio parto, ou en disparates atávicos coma os permisos de maternidade e paternidade existentes, precisariamos cen veces este espazo.

O xardín de rosas que nos prometían e que viña envolto nun mandato social practicamente ineludíbel (que desmontarán as seguintes xeracións de mulleres), traía unha chea de espiñas

 

O ser cidadás de segunda tamén pon o seu selo na nosa saúde física e mental. Só por poñer exemplos fóra do noso occidentalismo de serie, en Kenya, as mulleres son as encargadas da agricultura, da obtención da auga e alimentos, do coidado dos fillos e fillas, da casa e das relacións coa comunidade, mentres que os homes acostuman pasar o tempo conversando con outros homes na rúa. Evidentemente esta situación provoca nelas un alto grao de esgotamento, dor nas costas e nas mans polos movementos repetitivos na actividade agrícola, enfermidades cutáneas e respiratorias, sumadas aos efectos da exposición aos pesticidas. As mulleres, "o sexo débil", viven máis anos ca os homes, mais, loxicamente, con peor saúde. En Guatemala, México e outros países latinoamericanos, atopamos as maquiladoras (fábricas na fronteira cos Estados Unidos, que traballan baixo o programa de maquila: os produtos volven ao país de orixe. A maquila xurdiu no medievo español, era moer o trigo en muíño alleo pagando ao muiñeiro con parte da fariña obtida), con condicións insalubres e demenciais cadeas de produción, accidentes laborais e enfermidades crónicas. Nese contexto, as mulleres, ademais, son obrigadas a inxerir diariamente pastillas anticonceptivas ao entraren na fábrica, con independencia da súa idade e de que teñan ou non relacións sexuais. Ademais, traballan para gañar aproximadamente unha sexta parte do que se paga polo mesmo traballo nos Estados Unidos. Falamos da súa saúde? E que dicir sobre a prostitución, "voluntaria" ou forzosa? Da trata e tráfico de mulleres e nenas no mundo? En Nixeria, poñamos por caso, soldados locais e respectábeis occidentais que traballan nos xacementos de petróleo, prefírenas adolescentes… E na India as prostituídas son principalmente novas procedentes do Nepal ou Bangladesh; como nos campos de refuxiados onde as mulleres se ven obrigadas a prostituírse para sobreviviren… Eu quería falarvos de enfermidades cardiovasculares, depresións, fibromialxias, menstruación, menopausa, no patriarcado global. Quedará para mellor ocasión, e oxalá, a ocasión para a nosa saúde sexa mellor que a que temos. 

Comentarios