Opinión

Victoria

Victoria Salazar, de 36 anos, chegara ao sur de México (Tulum) dende El Salvador, cun visado humanitario para poder traballar. Como unha de tantxs que fuxía da miseria, nesa Centro América tan castigada polas guerras, os xenocidios, a pobreza.

Viña cunha filla de 16 anos, para a que soñara un mundo mellor, e unha parella á que denunciara por malos tratos e abuso da súa filla unhas semanas antes de que o patriarcado global lle quitase a vida.

O mesmo día en que un policía mexicano a asasinou, por mor das súas denuncias foi apresado o seu home.

Que pasaría pola cabeza desta muller cando quen tiña que protexela, un servidor público, lle arrincaba a vida fracturándolle o pescozo?

Cantas historias máis teremos que escoitar, ver, sufrir?

En México son asasinadas  20 mulleres ao día, unha cifra intolerábel.

Mais a brutalidade policial non é exclusiva de México. Vémola todos os días. En todas partes. E non falo de Turquía nin de Birmania. Ou das revoltas en Chile e a salvaxe represión de pacos e carabineiros, nin de tantos exemplos que non caberían nestas liñas. Témolos aquí mesmo.

É que as democracias son tan fráxiles que teñen que estar protexidas por seres cheos de rabia e capaces de matar a súa nai?

A forma de asasinar a Victoria lémbranos a que sufriu George Floyd, hai preto dun ano, a mans dun policía de Mineápolis, que reavivou o conflito racial nos EE UU e levantou unha onda de protestas globais.

As feministas mexicanas están a pintar murais co retrato de Victoria, a esixir xustiza. Fagamos nosa esta causa, esixamos xustiza por Victoria. As vidas das mulleres tamén importan.

Comentarios