Opinión

Por que votar as Mareas o 26-M?

As mareas son opcións políticas que racharon cunha estrutura de partidos cousificada dende a base social e política, é dicir, dende o municipal. Dende a veciñanza e para a veciñanza, de aí o seu bo coñecemento da problemática social e as ideas innovadoras e, ás veces, ensoñadoras, que dende o local melloran o mundo que nos rodea.

As mareas naceron no 2015 como un fenómeno municipalista, predominantemente urbano e maioritariamente atlántico, que se estendeu durante estes catro anos de xeito uniforme por toda Galicia porque achegaron unha nova forma de facer política nos concellos.

Racharon coa idea de subordinación política coa que actuou en moitas ocasións o BNG con respecto ao PSOE, conformándose con ser un apéndice ou muleta na que apoiarse, e atrevéronse a formular políticas transversais que disputasen a hexemonía ao PSOE no campo progresista.

As mareas non naceron coa vocación de ser un complemento ou latiguillo pola esquerda do PSOE, senón coa vocación de reemprazar a representación política de todo o espectro cidadán que busca o progreso social, con políticas valentes que mudasen a práctica rutineira dos gobernos de coalición PSOE+BNG anteriores, ancorados na simple xestión, renunciando a facer política transformadora.

O espazo político que representa En Marea busca o entendemento con outras forzas no Estado e en Europa para sumar para todas sen restar para nós, algo que o Bloque ten demostrado que non quere facer. A nosa identidade inclúe a loita conxunta para ampliar os dereitos de toda a poboación.

Esta valentía das mareas traduciuse na capacidade de poñer axendas enriba da mesa con temas que nin PSOE nin BNG se atreveron a formular con carácter xeral en todos os concellos.

Así, por exemplo, en termos democráticos, temos os orzamentos participativos e a rendición de contas cidadá dos gobernantes; en termos de xestión dos recursos públicos, a remunicipalizacion de servizos –privatizados en ocasións por gobernos que se dicían progresistas, de esquerdas e nacionalistas-; e en termos de xustiza social, está a renda básica municipal, as políticas de vivenda pública e a xeneralización da gratuidade do ensino de 0 a 3 anos.

O noso ideario municipalista baséase na igualdade, na equidade e no compromiso co máis próximo

O noso ideario municipalista baséase na igualdade, na equidade e no compromiso co máis próximo, que son os veciños e as veciñas que menos oportunidades teñen, pero tamén na idea de solidariedade e vínculo fraterno para a mellora da calidade de vida da maioría social, das malogradas clases medias.

Desta idea xorde un novo imaxinario de nación aberta, inclusiva, non dogmática, recoñecedora da pluralidade social que compón Galicia e que entende esta diversidade como algo positivo. Que se acepta como é e aspira a mellorar colectivamente, fomentando os valores de convivencia, democracia e xustiza social.

Como metodoloxía de traballo, as mareas caracterizáronse por acadar candidaturas con espazos cidadáns moi amplos, recollendo diversas sensibilidades, dende ámbitos políticos mestizos (nacionalistas, republicanos, cidadanistas e progresistas en xeral), procedentes algúns deles de diferentes tradicións políticas (dende o socialismo ao nacionalismo), e cun peso específico dos movementos veciñais e asociativos moi grande.

En definitiva, somos veciñas gobernando para veciñas. As mareas municipais non lle deben nada a ninguén, nin dependen dos bancos nin teñen favores pendentes. Están formadas por persoas que buscan mellorar a vida dos seus iguais transformando os concellos nos espazos de encontro que deberían ser. Porque é nos concellos onde se toman as decisións máis inmediatas que nos afectan a todas. Por iso este domingo pídovos o apoio para as mareas que se presentan nos vosos concellos, para que xuntas fagamos forza nestes momentos de cambio. 

Comentarios