Opinión

A cultura precisa de cidadás coma ti. Sinfonía en catro tempos

I - Allegro aperto ma con amore.

“A cultura dun pobo é o que define a súa identidade así como o silencio define a música”.

Estamos a vivir nestes difíciles días de confinamento, fermosísimas mostras de solidariedade dos nosos artistas nas redes sociais e nas rúas e prazas públicas, con concertos improvisados dende fiestras e balcóns de todo o país. Todos eles (nós) agasallamos co noso talento e esforzo para que ti, cidadán, poidas levar un chisco mellor esta situación. Cada día que pasa observamos con horror como van esvaecéndose debaixo das nosas fiestras os festivais, concertos, bolos etc. deste vindeiro verán.

Detrás de cada artista (algúns xa nos definen despectivamente como “titiriteiros”) está unha persoa ou familia, técnicos de luces e son, produción, transportistas, programadores, salas…Todos eles (nós) tamén imos ao Gadis, ou ao Froiz, tamén gardamos a distancia social de metro e medio, lavamos as mans… en definitiva… tamén comemos todos os días.

Estes artistas esperaban os meses de verán para logo tirar nos meses duros de inverno. Ti, cidadán do común, consumidor ou non da oferta cultural, cndo saias aí fora e volvas escoitar de novo os paxaros, ver os nosos prados dun verde cegador, sentir o vento zoar no Cabo Vilán, lembra quen che axudou a soportar o estado de confinamento e corre a mercar unha entrada dos artistas que o fixeron posible.

II - Scherzo (ma non tanto) Vivace furioso.

Dende xa fai moitos anos entendín que os sucesivos ministros de cultura que ía nomeando o goberno central de vez non ía atender a singularidade e particularidade da creación musical do noso país, polo tanto nunca lle mostrei demasiada atención. Pero a actuación do ministro actual é de record, algo insólito nunca antes vivido. Consegue enfadar a todo un sector de setecentas mil persoas e as súas familias nun poucos minutos de comparecencia, non se pode ter un corazón … e unha cara máis dura.

Ademais o noso señor ministro conta con atributos que deberían ser estudiados nos laboratorios científicos máis prestixiosos do mundo. Conta con atributos paranormais, explícome: Non foi quen de escoitar as harmonías da solidariedade, empatía, emoción… que os artistas foron subindo ás redes ao longo de semanas, pero foi quen de escoitar o atronador silencio dunhas poucas horas. Xa sei, estou en modo ironía. Rectificar é de sabios señor ministro, pero actuar e defender un sector cun índice de precariedade insólito é de valentes e ademais é a súa responsabilidade. Non lles (nós) falle.

III - Andante, ma sempre a modo e piano.

Señor Conselleiro de cultura da Xunta de Galicia, supoño que estará vostede na súa casa traballando pola cultura do noso país. Esta vai sufrir moito e durante moito tempo, os datos dos que dispoñemos falan de moitos meses de parón. Vostede coñece ben o seu sector, sabe como está, cales son as eivas inaprazábeis. Moitos dos festivais para este verán están xa aprazados, cancelados ou pendentes dun fío. Isto dálle a vostede unha oportunidade que xamais puidemos nin soñar. Como a maioría dos artistas foráneos por razóns obvias non poderán viaxar ao noso país, pois ocórreseme que por fin contrate vostede os ARTISTAS da casa. Sorprenderase do talento que percorre Galicia de Tui ao Ortegal.

IV - Coda in modo di ricordo.

A música é silencio… pero con luvas e máscaras. Non vivimos dos “likes”. Audición recomendada: 4´33” John Cage.

Comentarios