Opinión

A voltas coa unidade de España

A iniciativa do Parlament de iniciar un proceso que conduza á independencia de Catalunya

A iniciativa do Parlament de iniciar un proceso que conduza á independencia de Catalunya resucita os tópicos históricos sobre a “unidad de España” . Esa Historia percibida coma testemuña inamovíbel do paso do tempo. 

Resulta que España é a nación máis antiga de Europa xa que, segundo o presidente de goberno, 500 anos de convivencia o confirman. Se en Portugal non tivesen outros problemas aos que dedicar o tempo, poderían chamar ao embaixador español en Lisboa e comunicarlle que traslade ao presidente de goberno de España que eles aínda son máis antigos.

Certo que todo nacionalismo é chauvinista, e o nacionalismo español,  - ese que non existe pois España simplemente é nación -, con estas declaracións demostra que é digno discípulo de Nicolás Chauvin. E cando non hai razóns para argumentar, recórrese de modo delirante a un sentimento de grandeza e de falsa superioridade moral que agocha a incapacidade de afrontar os problemas dende a realidade. Que por certo é actual e non pasada.

E nesta defensa patrioteira de corte decimonónica da “unidad de España”, entran nunha esquizofrénica dialéctica que en nada axuda afrontar a realidade

E nesta defensa patrioteira de corte decimonónica da “unidad de España”, entran nunha esquizofrénica dialéctica que en nada axuda afrontar a realidade. Para os outros, os que si son nacionalistas (neste caso cataláns), non vale o recurso ao pasado. Non sei, Decretos de Nueva Planta?, creación dos Condados Cataláns? Para deslexitimar a acción política, recórrese ao argumentario de que a maioría dos cidadáns non votaron “opcións independentistas”. Mais para os do denominado “bloque constitucional”, 500 anos de Historia xustifican todo. Vamos, que segundo conveña muda o regulamento do xogo.

Xa postos a facer o ridículo recorrendo ao pasado, e se do que se trata é de demostrar que se é a nación máis antiga (en algo hai que gañar), recoméndolles a todos aqueles que, emulando ao “protomártir”, prefiren “una España roja a una España rota”, recuperen os vellos libros de texto nos que poden atopar argumentos que confirman que si, que España é a nación máis antiga de Europa: conversión ao catolicismo de Recaredo; a loita de Viriato contra o invasor romano; o talento das covas de Altamira. 
 

Comentarios