Opinión

O tren que nunca chega...

O do AVE na Galiza semella un conto que ben se podería titular O tren que nunca chega e cando chega, chega tarde. Un proxecto de investimentos millonarios que sufre dos mesmos males que padeceron as vías de comunicación no estado español dende que se implanta o estado liberal. 

O do AVE na Galiza semella un conto que ben se podería titular O tren que nunca chega e cando chega, chega tarde. Un proxecto de investimentos millonarios que sufre dos mesmos males que padeceron as vías de comunicación no estado español dende que se implanta o estado liberal. Prevalecer a unión coa capital do estado en vez de potenciar a unión entre puntos económicos. Agora engadamos unha visión de tren de pasaxeiros fronte o de mercadorías. Un concepto de economía baseada na chegada de turistas e non na exportación dos nosos produtos. 

"O do AVE na Galiza semella un conto que ben se podería titular O tren que nunca chega e cando chega, chega tarde".

O das infraestruturas do estado para con Galiza é unha especie de relato kafkiano. Coma min, supoño que moitos de vostedes pasarían a infancia e adolescencia cos famosos “accesos a Galicia”. Ese proxecto aprobado polo goberno español en xaneiro de 1971, con carácter de urxencia, e que cando se culmina xa está obsoleto. E volvendo ao tren, podemos lembrar ás memorias dos carrilanos, relatos de heroico sufrimento. Ou a paranoia dos aeroportos, ... Resumindo, o problema propio de cando o local é potenciado polo poder central, a base de obras, para diluír a visión global de país.

E a pésima rede de infraestruturas, alén de restar eficiencia e eficacia á nosa economía, supón un gasto engadido que ben podería ser aplicado noutros sectores claves para o desenvolvemento económico do país. En definitiva en crear riqueza que permita asentar xente nova. Mellorar as súas perspectivas de futuro. Quizais en axudar a solucionar o gravísimo problema demográfico. Quen sabe?. Quizais.

Molestan as críticas que dende CiU e UPyD se fan a estas infraestruturas. Nada novo e nada que deba sorprender. Mais non é menos certo que dende que se comezou coa teima do AVE non faltaron voces críticas na nosa Terra que consideraban, e aínda consideramos, se podería ter optado por outras propostas máis económicas, menos agresivas e máis axeitadas ao país. Con certeza que menos impactantes mediaticamente; mais sen dúbida que moito máis axeitadas ás nosas necesidades de crecemento económico e que, tamén, favorecerían unha maior vertebración do país co consecuente beneficio para o conxunto de galegas e galegos. E para os que non son galegos, tamén.

"Se fosemos quen de decidir sobre as infraestruturas que precisamos para vertebrar e potenciar os nosos sectores económicos, estariamos máis contentos". 

E as críticas alleas molestan, pois semella que é un capricho noso o que se constrúa o AVE. E debemos de recoñecer que os críticos co deseño dunhas infraestruturas que en nada tiñan en conta as verdadeiras necesidades do país, en certo modo foron silenciados por un coro, atreveríame dicir de ovellas, que berraba E NÓS TAMÉN QUEREMOS. E tal era o barullo que se montaba arredor do AVE en cada recuncho desta terra... Que se unha macro estación, que se os cartiños da expropiación do monte que xa nin me lembro de onde están os marcos, que se a modernización da cidade, que se contratas e subcontratas, que se milleiros de visitantes, que se ... Que se nada.

Ao final de todo, se fosemos quen de decidir sobre as infraestruturas que precisamos para vertebrar e potenciar os nosos sectores económicos, estariamos máis contentos. Todos. Con certeza que CiU e UPyD tamén. Mais para que tal sexa posíbel, precisamos forzas políticas que verdadeiramente representen o país. Deputados que, aínda que non sexan nacionalistas, aló menos defendan os intereses dos seus electores. O nacionalismo, aínda que haxa que non o queira crer, consiste niso. Algo tan simples como defender o dereito a decidir como organizar o territorio no que vives e ser responsábel do teu crecemento económico.

Comentarios