Opinión

A traxedia da "pedriña pedra"

A traxedia de Vilanova dos Infantes é múltiple. Pola morte de Adolfo Enríquez Méndez, párroco do Cristal e responsábel da custodia da Virxe.

A traxedia de Vilanova dos Infantes é múltiple. Pola morte de Adolfo Enríquez Méndez, párroco do Cristal e responsábel da custodia da Virxe. Pola perda patrimonial da peza única, cuxa lenda popular inspirou a Curros quen a inmortalizou nos seus versos. E, tamén, unha perda para o noso mundo identitario construído por, e arredor, daqueles que dende o Rexurdimento loitan por dignificar e universalizar a nosa cultura dende as nosas propias raíces.

"Unha perda para o noso mundo identitario construído por, e arredor, daqueles que dende o Rexurdimento loitan por dignificar e universalizar a nosa cultura dende as nosas propias raíces".

A última vez, e espero que non derradeira, que contemplei a singular figura foi acompañando a Lois Diéguez e os amigos de Lugo Patrimonio nun percorrido polas Terras de Celanova con parada obrigatoria no Santuario do Cristal, onde don Adolfo mostrounos a “pedriña pedra”. 

Esta múltiple traxedia, ao tempo que reflicte a situación de abandono e despoboamento do noso rural, reabre un debate sobre a seguridade do noso patrimonio e sobre quen debe custodialo.

Hai quen considera que ante o abandono do noso rural, o noso patrimonio estaría máis seguro nos museus de vilas e cidades. O certo é que roubos de obras de arte ten habido en grandes museus. 

"Hai quen considera que ante o abandono do noso rural, o noso patrimonio estaría máis seguro nos museus de vilas e cidades".

Outros opinan que retirar obras de arte e legados arqueolóxicos para expoñer nun lugar diferente do seu orixinario, supón unha descontextualización que dificulta a comprensión do significado do obxecto en cuestión. E, por que privar do seu patrimonio ás pequenas localidades?. A traxedia de Oseira, recollida por Blanco Amor en Xente ao lonxe, ten a súa orixe no acordo da Comisión de Monumentos de Ourense de trasladar o Baldaquino da igrexa monacal, entón parroquial, a Ourense polo abandono no que se encontraba na altura o mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira.

A problemática e complexa. Como tamén a solución. 

Comentarios