Opinión

En San Paio de Abeleda

Tiven a sorte de visitar San Paio de Abeleda sen saír de Allariz. Tal milagre foi posíbel, non pola intercesión do santo e si polo inmenso traballo de recuperación deste elemento tan fermoso e singular do noso patrimonio que está a realizar o Sorriso de Daniel.

Tiven a sorte de visitar San Paio de Abeleda sen saír de Allariz. Tal milagre foi posíbel, non pola intercesión do santo e si polo inmenso traballo de recuperación deste elemento tan fermoso e singular do noso patrimonio que está a realizar o Sorriso de Daniel.

Un chamado de atención sobre o deterioro que, dende o XIX, está a sufrir o noso patrimonio. Agravado polo continuo abandono dun rural que cada vez e menos noso e máis das silvas do esquecemento. 

"Contemplar semellante abandono e a loita que entidades como o Sorriso de Daniel realizan ao longo do país para amosar a grandeza que tivo cando os galegos sabiamos dialogar coa natureza, forza as saudades no significado máis amplo que o saudosismo ten".

Non sei quen ten máis culpa da lenta agonía do noso patrimonio. Se a desidia das administracións. Se unha Igrexa que non ten capacidade para poder manter ese inmenso patrimonio.  Se o desinterese daqueles que, de formas diversas, se fixeron con boa parte dese patrimonio e hoxe non saben ou non queren xestionar. Se o abandono dun rural que medio século atrás estaba cheo de vida, e hoxe... 

Contemplar semellante abandono e a loita que entidades como o Sorriso de Daniel realizan ao longo do país para amosar a grandeza que tivo cando os galegos sabiamos dialogar coa natureza, forza as saudades no significado máis amplo que o saudosismo ten. Que non é outro que o de ollar un futuro de esperanza. Albiscar que a sensibilidade para co que nos pertence permita dar valor ao que xa o tivo. Anovado pola empuxe e a carraxe de novas xeracións que procuran no que nun tempo fomos a forza necesaria para construír país.

Non é cuestión só de cartos, que necesarios tamén o son. Asesorar, acompañar e, sobre todo, deixar facer a aqueles que teñen iniciativa desinteresada para recuperar un ben que a todos pertence e que fainos sentir orgullosos de pertencer a un pobo cuxos devanceiros souberon manter un fermoso diálogo coa Terra. Urxe recuperar ese diálogo.

Comentarios