Opinión

Reflexións arredor dunha cacharela II

Contáballes a semana pasada a experiencia de limpar un faiado ateigado de trebellos diversos

 

Contáballes a semana pasada a experiencia de limpar un faiado ateigado de trebellos diversos que nun tempo pode que tivesen utilidade, mais que o abandono de ducias de anos fixo deles uns elementos que unicamente amorean po, pegadas de ratos e pouco máis.

Pensei que co papel o máis doado era prender lume nunha lareira e emular ao detective Carvalho. Polo lume foron pasando apuntamentos, revistas, libros, ... Até que empiricamente comprendín que debe ser certo o de Fahrenheit 451 que dá nome á novela de Ray Bradbury e levada ao cinema por François Truffaut. Non tomei a molestia de calcular a temperatura, mais concordo co que o Manolo Rivas ten afirmado: os libros arden mal.

Resulta curioso contemplar a resistencia do papel ante o lume destrutor. Mentres as lapas fan o seu traballo aínda tes tempo de ler, volatilizado entre o lume, aqueles saberes recollidos en folios e máis folios de apuntamentos, gardados relixiosamente por se... Vai ti a saber!

"Non tomei a molestia de calcular a temperatura, mais concordo co que o Manolo Rivas ten afirmado: os libros arden mal"

E lembrei un acto inquisitorial similar que practiquei hai uns 26 anos, cando despois dun par de anos impartindo docencia decateime de que para nada me servían os apuntamentos de profesores como Alonso del Real, Moralejo, Bermejo ... Por citar só aqueles que deixaron unha maior pegada na miña formación. Gardadiños nas súas respectivas carpetas ás que pensaba acudir cando algunha dúbida... Até que me decatei que o que deles aprendín non estaba recollido naqueles apuntamentos; senón no meu interior, na miña capacidade de análise. E a medida que os destruín fiquei liberado.

Dicía o gran Teixeira de Pascoães: “O conhecimento. Não se trata de um fruto. É apenas a ideia que têm dele”.

Comentarios