Opinión

Reflexións arredor dunha cacharela I

Días atrás estiven a facer limpeza nun faiado.

 

Días atrás estiven a facer limpeza nun faiado. Esa parte da morada, nosa ou dalgún familiar, na que imos amoreando todo aquilo que molesta por causas diversas: falla de espazo na nosa morada habitual, material estragado, pasado de moda ou que xa non precisamos, que a rapazada medra...

Neste afastado lugar convertido no noso museu particular ao que accedemos de cando en vez para deixar novos trebellos, atopamos as cosas máis sorprendentes. Aqueles vellos apuntamentos de cando se escribían a caneta ou estilográfica e Bolonia só significaba unha prestixiada universidade italiana cuxas orixes remontan ao 1088.

"Retallos do noso pasado que agroman repentinamente e activan a nosa memoria transportándonos a uns tempos que non por pasados foron mellores"

Certificados de cursos dos máis diversos, teñan ou non que ver coa nosa disciplina e actividade laboral, de cando se facían cursos por iso de formarse por formar, pois o dos puntos para promocións diversas chegaría pouco despois. Brinquedos e xoguetes varios por se algunha crianza, desas que xa son “rara avis” no noso rural, as precisa. Electrodomésticos que alí están por se algún “manitas” é quen de arranxar. E se por ventura algún aparece fica abraiado ante tal reliquia e a súas resposta ante o reto do arranxo oscila entre un serio “xa non hai pezas” a un paternalista “sae máis barato mercar un novo”. Xa me entenden vostedes, que lles vou contar que non saiban. 

En definitiva, retallos do noso pasado que agroman repentinamente e activan a nosa memoria transportándonos a uns tempos que non por pasados foron mellores, mais que nos tiran un sorriso ao lembrar certo suceso, feliz ou non. Cousas da saudade!

Comentarios