Opinión

Queremos? – e III

E III pois xa está ben de nos ocupar de se podemos ou non podemos, cando realmente o que como habitantes desta Terra chamada Galiza, deberíamos de nos preocupar de que é o que realmente queremos que sexa dela.

E III pois xa está ben de nos ocupar de se podemos ou non podemos, cando realmente o que como habitantes desta Terra chamada Galiza, deberíamos de nos preocupar de que é o que realmente queremos que sexa dela.

E falo da Terra cun sentimento telúrico, influído pola súa forza. Como home que ten mono de gas radon cando as circunstancias obrigan a que me afaste dela unha tempada. Iso que os nostálxicos chaman morriña ou saudade, dependendo de se o día levámolo cun aquel de cursilería; ou non. Iso que nas “historias de emigrantes” contan que se curaba co son da gaita.

"Queremos ou non queremos que esta continúe a ser a Terra que nos transmite a súa forza? Ou, deixámonos esmorecer arrastrados por proclamas alleas enchidas de lugares comúns e tópicas que logo nada transcenden". 

Non fai falla ser nativo para saber de que sentimento estou a falar. Todo aquel no que, por nacemento ou adopción, prendeu a alma da Galiza, terá padecido no seu espírito as mesmas sensacións. Aqueles que non o teñan padecido, naceran onde naceran, aínda que queiran non poderán entendelo. E ao non poder, non comprenderán nunca a forza que ten esta Terra, nin os vínculos que temos con ela. Non é unha Terra máis, é a nosa. 

A miña sogra, cando ía con ela aos eidos, abrazábase con forza a un carballo no que, de nena, descansaba mentres coidaba da vaca. E logo mandábame abrazar a el para que, segundo dicía, o carballo me transmitise toda a forza que dende as raíces lle enviaba a Terra. Con certeza que ela, de misa diaria, era unha panteísta sen o saber.

Queremos ou non queremos que esta continúe a ser a Terra que nos transmite a súa forza? Ou, deixámonos esmorecer arrastrados por proclamas alleas enchidas de lugares comúns e tópicas que logo nada transcenden. 

Certo que temos a obriga de loitar polos homes e mulleres. Mais, que será deles sen Terra?

Comentarios