Opinión

Queremos? – II

Continuando coas declaracións de Carolina Bescansa: “España es un país de países y una nación de naciones. Galicia es uno de esos países”. “Tendrá que ser la gente en Galicia la que decida cuál es la denominación con la que se quiere referir a esta identidad histórica y cultural que es Galicia.” “A mi juicio personal es una nacionalidad de las distintas que conviven en otra nacionalidad grande que se llama España”. 

Continuando coas declaracións de Carolina Bescansa: “España es un país de países y una nación de naciones. Galicia es uno de esos países”. “Tendrá que ser la gente en Galicia la que decida cuál es la denominación con la que se quiere referir a esta identidad histórica y cultural que es Galicia.” “A mi juicio personal es una nacionalidad de las distintas que conviven en otra nacionalidad grande que se llama España”. 

"O da denominación dá igual. Simplemente se trata de que nos deixen ser donos dos nosos recursos. E por favor, que non veñan con que canto máis grande, mellor".

Perfecto. Todo é nada. Como articulamos as relación entre esa “nacionalidad grande que se llama España” e cada unha das nacións que conforman a nación grande?.  Pensemos nos marabillosos beneficios que para Galiza teñen dado as políticas económicas, e demais políticas, deseñadas pola “nación grande” dende que esta di existir. Por suposto, sempre pensando nos intereses da Galiza e dos seus habitantes. Por outra banda, como artellar as relacións entre as “pequenas”?. Poden relacionarse entre si?. Ou, precisan da tutela da “grande”?. 

E non se trata de que galegas e galegos poidamos decidir que denominación queremos que se nos dea. Non se trata de se queren chamarnos nación, nacionalidade, país, rexión, territorio... Os propios que nos concederon o de “nacionalidade histórica” non se molestan en diferenciar nos libros de texto da ESO e Bacharelato as nacionalidades históricas das autonomías. Xa está, unha das 17. O da denominación dá igual. Simplemente se trata de que nos deixen ser donos dos nosos recursos. E por favor, que non veñan con que canto máis grande, mellor.

Se é por cuestión de tamaño,… A Galiza actual con 29.574 Qm² ten una superficie lixeiramente menor que Bélxica, 30.528 Qm², Flandres incluída. España, Galiza incluída, 504.645 Qm². Por favor, reflexionemos. Queremos para nós a Renda Per Cápita da “nación grande” (uns 30.500 €/ Galiza uns 20.400€ ) ou o da “pequena Bélxica” (algo máis dos 50.000 €) ?. Tal vez, se Galiza decidira sobre os seus recursos, se deseñara as súas políticas e estratexias económicas dende si e para si, e sen necesidade da “protección”  da “nación grande”?. Só digo tal vez, poderiamos achegarnos aos niveis de renda de Bélxica. E digo tal vez pois, quen sabe?. Ou é que nesta terra temos un mal fado que nos imposibilita para decidir que facer cos nosos recursos?. Certo que para que a decisión sexa a axeitada, a educación é esencial. Educación en valores universais, certo. Mais tamén aplicados dende a nosa realidade. Dende as súas orixes, o nacionalismo galego ten unha compoñente ecolóxica de defensa da Terra impecábel, consciente da importancia que para o progreso da Galiza ten o bo uso dos seus recursos, o que hoxe chamamos economía sustentábel.  

"Dende Podemos, alén de defender os dereitos dos cidadáns, deben abordar os dereitos dos territorios. Que para os nacionalistas si que os teñen"

E esta é a cuestión fundamental; aínda máis que a denominación que se nos queira dar. E levamos séculos sen resolver a problemática da relación entre o todo e as partes e as partes entre si. Polo que, ambigüidades: non grazas. 

Dende Podemos, alén de defender os dereitos dos cidadáns, deben abordar os dereitos dos territorios. Que para os nacionalistas si que os teñen. Por exemplo, para evitar que un cidadán exercendo o seu dereito de propiedade individual arrase cun souto centenario, que lle pertence, para cultivar eucaliptos. 
Ese terreo cómodo de recoñecer o dereito a decidir, non resolve nada. Declaracións do tipo: “¿Quiero que Cataluña se vaya? No quiero” (Pablo Iglesias, mitin en Barcelona), pois... A min preocúpame.

Especialmente cando non se explican os motivos, e as xustificacións limítanse a falar de castas.

E xa sei que o que vou dicir agora ten un aquel de demagoxia (por situarme ao seu mesmo nível), mais a min iso de “país de países” e “nación de naciones” tenme un aquel Joseantoniano do estilo:  “Que todos los pueblos de España, por diversos que sean, se sientan armonizados en una irrevocable unidad de destino” (Discurso de Fundación de la Falange. Teatro de la Comedia de Madrid. 29-10-1933). É o malo de estudar, cando aínda existía, iso de FEN. Imos para vello. Que non casposo, nin castoso.

Comentarios