Opinión

E que pensaría “Barriga Verde”?

Vicente Risco escribiu que non maxinaba as festa de Ourense sen o “Barriga Verde”. A compañía de monifates que na altura formaban parte do divertimento de novos, e non tan novos. Pois os monicreques, monifates, títeres e marionetas tiñan como misión non só divertir, senón tamén moralizar a nenos e maiores. Como calquera obra da creación humana que teña pretensión de transcender.

Se o lector viu Noveccento, o marabilloso filme de Bertolucci, lembrará a secuencia na que o neno Olmo marcha ver o mar e antes de apañar o tren uns titiriteiros divirten aos nenos facendo crítica da opresión á que eran sometidas as clases populares na Italia anterior á Gran Guerra, a do 14. E como remataba a secuencia? Os carabinieri destrozando o palco de “Polichinela”, ou quen for o protagonista, e os titiriteiros mallados e amolados. Xa temos un precedente.

E é que cando a moralina é conforme aos criterios do Poder, marabilloso. Mais cando vén a crítica,... E, polo que lin, máis que exaltación a ETA o que había é unha forte crítica á acción represiva do Estado. E se o terrorismo de ETA, _ e o de calquera outro grupo armado (FRAP, GRAPO,...) _, merecen a nosa máxima reprobación, máis aínda o merece o terrorismo de Estado. Mais semella que hai quen esqueceu que na época do Goberno González se practicou un noxento terrorismo de Estado do que polo visto hai quen, como o propio señor González, debeu esquecer que existiu cando clama ao ceo cada vez que asoma no panorama político hispano unha hipotética “ruptura de la Patria”. Ao menor descoido venderán o GAL como froito dun contubernio calquera, invención maniquea dun desestabilizador do sistema.

E, polo que lin, máis que exaltación a ETA o que había é unha forte crítica á acción represiva do Estado

Que se pidan responsabilidades á concelleira de Cultura. Correcto. Mais, por favor, que se lle critique polo seu proxecto cultural (o descoñezo, afortunadamente vivo en Ourense e non en Madrid), e non por este suceso puntual. Que se reflexione sobre a tendencia cada vez maior de externalizar servizos na programación cultural, en vez de que sexan os traballadores dos servizos de cultura (para algo están) os responsábeis do deseño da programación en colaboración co asociacionismo de base. No meu modesto entender, esta é a mellor alianza para unha boa programación cultural: Diálogo Base-Administración.

E que pensaría “Barriga Verde”? Supoño que na súa moralina final, diría algo así: “Daqueles pos, estes lodos”. Os pos, a obsesión por ser máis español que Camacho para evitar perder votos no que eles consideran España. Os lodos, a lei mordaza da que vai sendo hora que o Parlamento, _xa constituído e arranxada a polémica dos escanos das súas señorías_, comece a lexislar e derrogue. Que derrogar leis tamén é lexislar. E o executivo, aínda que sexa en funcións, executando o que o lexislativo teña a ben lexislar. E para iso, creo, non fai falla que Pedro, ou quen for, sexa proclamado presidente.

Comentarios