Opinión

Obama e a “unidad de España”

Está ben que o presidente dos EEUU se preocupe pola “unidad de España”.

Está ben que o presidente dos EE UU se preocupe pola “unidad de España”. Eu tamén me preocupo, e moito, polos EE UU. Polos dereitos das minorías de hispanos, afroamericanos... Pola manía teimuda de desconfiar de todo aquel quen non é WASP. Por ese aire de bos rapaces, que coa aparencia de inxenuidade, mangonean no mundo mundial como lles ven en gaña coa complicidade submisa de gobernantes dignos de “O gran ditador” de Chaplin, caso de Aznar e os colegas dos Azores. Un presidente que non é quen, para non incomodar a non sei quen, de pechar con Guantánamo. Zapatero polo menos retirou as tropas españolas de Irak.

EEUU, ese gran país que na defensa dos valores democráticos, dos seus e sempre dos seus, non ten reparos en manter ditaduras criminais en Sudamérica e outras latitudes. En instigar golpes de estado como o que permitiu o acceso ao poder de Pinochet. En boicotear calquera sistema que non concorde co que eles entenden que debe ser o modelo político e económico dun territorio. Non esquezamos que foi os EEUU quen armou aos talibáns para loitar contra a malvada URSS. Agora os malvados son os talibáns. Por certo, o termo talibán ven reemprazar o de zulú tan usado na miña infancia en referencia á derrota británica en Isandhlwana. E por favor, non esquezamos a complicidade pasiva do goberno USA para cos golpistas do 18 de xullo de 1936. Aínda que daquelas supoño que lles preocuparía máis a ameaza comunista que o da España rota. O as dúas. Quen sabe?

"Eu tamén me preocupo, e moito, polos EE UU. Polos dereitos das minorías de hispanos, afroamericanos..."

E se ao presidente de EEUU lle preocupa o que decidan democraticamente os cataláns. A min me preocupa, aínda máis, que democraticamente en numerosos estados dos EEUU aínda estea vixente a pena de morte. Preocúpame que noutros estados se considere delito certas prácticas sexuais que, como moito, deberían recibir consideración moral por parte daqueles que crean nesa moralidade hipócrita calvinista. Dóeme que o gran presidente sexa incapaz de dotar aos cidadáns desfavorecidos dese gran territorio duns dereitos sanitarios e sociais que si teñen garantidos os cataláns, incluso aínda que acaden a independencia.

En fin, que hai quen ve a palla no ollo alleo e non ve a viga no propio.

Comentarios