xoves 13/08/20

Un novo adeus a un grande das nosas letras

Coa marcha de Xosé Fernández Ferreiro, completamos un mes de despedidas no mundo das letras e do pensamento

Coa marcha de Xosé Fernández Ferreiro, completamos un mes de despedidas no mundo das letras e do pensamento, non só da Galiza, senón universais. Neira Vilas, Xosé Chao Rego… Cada un deles dende o seu particular vivir o mundo e amor a Galiza e ás súas xentes, facilitaron que os galegos souberamos quen somos. 

Teño unha particular teima pola importancia que ten a literatura, determinada literatura, para achegarnos a mundos que nunca recoñeceriamos  de non existir esas obras. 

Canto temos que agradecer ao Balbino por nos evocar un rural que desapareceu. E ao Moncho de “aqueles anos”, que nos traslada ás crueldades agochadas dunha guerra da que non se falaba nin na casa das vítimas. É o valor que ten Fernández Ferreiro no seu tráxico Agosto do 36. Grazas á súa literatura puidemos coñecer as traxedias ocultas que caracterizaron a Longa noite de pedra.

Grazas á súa literatura puidemos coñecer as traxedias ocultas que caracterizaron a Longa noite de pedra

A súa foi unha obra que permitiu visualizar un País, o noso, que, aínda hoxe, a xente asimila á dereita e á reacción (que non é o mesmo que a dereita), dando voz aos silencios que se converteron en cómplices obrigados, e necesarios, dunha represión perfectamente programada polo réxime franquista.

Na súa obra deron ás vítimas a calor e o cariño que a Historia non foi quen de dar. E, teñen o mérito de reivindicar as vítimas, cando para a Historia non existían.  Aínda máis, desarticulada e aniquilada a resistencia armada ao franquismo, serán os poetas e os escritores como os que acaban de abandonarnos a quen debemos fachos de resistencia que reflicten a dignidade dun pobo que aínda loita por ser.
 

Un novo adeus a un grande das nosas letras
comentarios