Opinión

O medo a unha revolución das nésperas

Días atrás escoitei na radio unha entrevista a unha venerábel anciá, e non sei que daba máis medo: se as barbaridades que dicía, e verdadeiramente cría, ou que alguén, non sei quen, estea a incitar o monstro da irracionalidade que, de cando en vez, adoita pasear pola política hispana e que no mellor dos casos é como unha vaca no campo de millo, matar non mata mais a desfeita que fai, ....

Días atrás escoitei na radio unha entrevista a unha venerábel anciá, e non sei que daba máis medo: se as barbaridades que dicía, e verdadeiramente cría, ou que alguén, non sei quen, estea a incitar o monstro da irracionalidade que, de cando en vez, adoita pasear pola política hispana e que no mellor dos casos é como unha vaca no campo de millo, matar non mata mais a desfeita que fai, .... E digo no mellor dos casos, pois o habitual é que ese monstro provoque dor, pesadelos e angustias. Até o pasado 7 de xuño, o guerrilleiro Camilo de Dios non puido enterrar dignamente  a seu irmán Perfecto abatido pola Guardia Civil en 1950. Mais para a boa da señora, nada diso debeu acontecer.

"Por favor, incomoden. A min o primeiro. Batan nos medos que chaman a espertar o mostro. Amolen as súas propias conciencias e eviten facer unha revolución de nésperas".

Nestas actitudes irracionais, nestas chamadas á orde custe o que custe, nestas provocacións que é o que son as interesadas chamadas ao medo é, no meu parecer, o maior obstáculo que teñen as novas maiorías. Si maiorías, pois pese a quen lle pese, no noso sistema a suma conta. E eses tan temorosos da perda da España eterna e que tanto critican as sumas, que lembren o Mio Cid cando en Santa Gadea  de Burgos dicíalle a El-rei Afonso iso de “Nós que somos tanto como vós e xuntos máis ca vós”. Xa ven, iso de sumar xa ven de vello.

E preocúpame que todo este barullo poida distraer do que realmente deben facer. Gobernar con dignidade, transparencia, aplicando a xustiza social, a igualdade, ... Dicía, e ben, a alcaldesa de Moaña que a prensa dá máis relevancia á retirada dunha foto e dunha bandeira que ás medidas adoptadas pola nova corporación. Aínda que sexa para criticalas.

E preocúpame que aconteza o que adoita acontecer cando a esquerda chega ao poder: que por non incomodar, ... Saben iso de “quen come nésperas, bebe cervexa, fuma celtas e beixa unha vella. Nin come, nin bebe, nin fuma, nin beixa”.

Por favor, incomoden. A min o primeiro. Batan nos medos que chaman a espertar o mostro. Amolen as súas propias conciencias e eviten facer unha revolución de nésperas.

Comentarios