Opinión

Os lexisladores e ENCE

Non sei como acabará o idilio Pedro-Albert. Nin se Pablo ou Mariano, e outras/os con nome, e supoño que apelido, acabarán facendo como no refrán castellano “Donde dije digo, digo diego”. En verdade, até case me dá igual. O que interesa é que por fin temos un Parlamento que pode, e debería, impor o valor do lexislativo ao executivo, e dar por finiquitada e abolida a práctica de gobernar a base de Decreto. 

Ao mellor até sería interesante que as súas señorías en vez de defender os intereses de partido, aínda que sexan os da nova política, defendan os intereses da cidadanía das súas circunscricións.

Dende 20 de decembro, a opinión pública só está preocupada polo goberno. E non polo que se lexisla. Sería bonito ver como un Parlamento, depositario da nosa soberanía, pide responsabilidades ao executivo en funcións pola ampliación en 60 anos da concesión a ENCE da explotación da Celulosa en Pontevedra. Gostaría de asistir a unha sesión na que a maioría de progreso que se di que hai no Parlamento, fose quen de obrigar ao goberno de revogar esa decisión.

Na cidadanía non hai hábito político de considerar o Parlamento o cerne das políticas, nin de esixir que os nosos representantes velen polos nosos dereitos

Na cidadanía non hai hábito político de considerar o Parlamento o cerne das políticas, nin de esixir que os nosos representantes velen polos nosos dereitos. Este, entre outros, é onde se reflicte a escasa vida democrática dunha sociedade como a española. Dende  o 20 de decembro na espera de saber quen goberna, en vez de vixiar en como se lexisla. É como se naceramos para ser mandados e non para esixir responsabilidades en quen depositamos a nosa soberanía. Por algo bo que ten Rousseau...

E mentres Pedro, Pablo, Albert, Mariano e outras/os con nome, e supoño que apelido, están a ver quen goberna, ninguén semella levar a iniciativa lexislativa. E por min que Mariano Rajoy siga de presidente en funcións até que remate a lexislatura, e como se esta dura catro anos con el de presidente en funcións. Mais se cremos en venganzas poéticas, que fermoso sería ver como este goberno en funcións é obrigado polo lexislativo a derrogar, unha tras outra, as leis que tanto mal fixeron a esta sociedade,

Comentarios