Opinión

Laicismo, sociedade e ensino

Choveu e escampou dende que John Locke, no fin do XVII, defendía a liberdade individual



Choveu e escampou dende que John Locke, no fin do XVII, defendía a liberdade individual e criticaba a intolerancia e coacción que sobre o individuo exercían, quer as seitas relixiosas quer uns estados abertamente confesionais. Legado, o de Locke, recollido por eses ilustrados que deron valor universal a conceptos como separación de poderes, liberdade ou igualdade, nos que se fundamenta o noso modelo social e político. E xa daquelas ficou determinado, e supomos que aceptado polos progresistas da época e incluso por algún eclesiástico, que nunha sociedade moderna a relixión pertencía ao ámbito privado do individuo e que o que correspondía ao estado non é outra que a de respectar esa decisión individual. Non máis. Por certo, a intolerancia nin foi nin é exclusiva de católicos. Os católicos británicos tiveron restrinxidos os seus dereitos até aló menos 1829.

Dados os precedentes, asusta que sexa presentada como elemento modernizador a proposta do PSOE de retirar a relixión da vida pública e do ensino, proposta matizada dende xa polo propio partido, e ao paso que vai semella que ninguén formulou. Por certo, os cidadáns que pertencen a outras confesións teñen serios problemas para poder exercer ese dereito, aínda que se oferte, se solicite e haxa disposición de impartir por parte das respectivas comunidades.

E non sei que é o que máis asusta. Se a necesidade de reivindicar a laicidade por parte dun partido que criamos laico. Se as reaccións e debate suscitado

E non sei que é o que máis asusta. Se a necesidade de reivindicar a laicidade por parte dun partido que criamos laico. Se as reaccións e debate suscitado. Se a actitude hipócrita de partidos que din defender os postulados da Igrexa Católica para logo non respectar no ámbito privado (o cal me parece correctísimo, mais que logo non amolen e respecten as decisións dos outros). Ou se o cinismo dunha xerarquía eclesiástica que todo acepta con tal de que se manteñan os privilexios... Xa Lutero criticou as bulas.

Debates anacrónicos como o do ensino da relixión reflicten o pouco que as ideas ilustradas e os principios básicos do liberalismo están arrigados na nosa sociedade. Tamén resulta curioso que Pedro Sánchez, - líder e candidato socialista á presidencia do goberno -, aborde a cuestión dende a perspectiva liberal e non marxista, ou simplemente socialista.

E este anacronismo podemos trasladalo a outros ámbitos tratados xa pola Ilustración. Entón poidamos entender aspectos como a pésima calidade da nosa democracia; a problemática real na implantación da separación de poderes; a falta de moral na xestión de fondos públicos; o pouco ou nulo respecto polas opinións dos demais; a forma vulgar e groseira coa que tratamos a discrepancia; a intolerancia respecto das opinións que non concordan coas nosas; a falta de rigor e obxectividade na crítica realizada dende o “eu creo” e non dende o “eu sei”;  ou o valor que damos ao superficial nos discursos onde a suposta ideoloxía fica reducida a credo de fe.
 

Comentarios