Opinión

Ir facendo

Tanto esperar a que se encontren os que se teñen que encontrar

Tanto esperar a que se encontren os que se teñen que encontrar, que ao final, o día anterior a que remate o prazo de presentar as candidaturas para as eleccións xerais, haberá quen aínda estea a esperar polo outro co que se ten que encontrar. E mentres se buscan e non se atopan, a pór trabas para non andar o camiño. Non sexa o caso de que alguén se encontre. 

E mentres esperamos a que decida algo quen non sabemos quen, haberá que ir facendo un programa

Moito gustamos de enguedellar, dia tras día, en teimas xa resesas. Coma senón tivésemos outra cousa que facer na nosa vida que lamber vellas feridas que non dan cicatrizado; precisamente por tanto as lamber. E día si, e outro tamén, falamos de futuro. Do noso, e até do dos fillos que non temos. Mais cos ollos na caluga, vixiantes dun pasado que pesa coma unha lousa. E así, cos ollos vixiando as costas, dificilmente vivimos o presente e moito menos albiscamos o futuro. E continuamos a esperar que se encontren. Por certo, xa non sei quen.

E mentres esperamos a que decida algo quen non sabemos quen, haberá que ir facendo un programa. Mais un programa a serio, xa que o que futuro deste noso país ben o merece. O que non se merece o país, as súas xentes xa non sei, é a continua retórica baleira de propostas e chea de contidos exquisitos que adornan a pose máis ... Non sei se “in” ou se “out”.


 

Comentarios