Opinión

A identidade do noso bosque

Facendo o camiño de Santo André de Lonxe (Teixido), entre Narón e Cedeira inmensas plantacións de eucaliptos campan onde antano campaban soutos e carballeiras


Facendo o camiño de Santo André de Lonxe (Teixido), entre Narón e Cedeira inmensas plantacións de eucaliptos campan onde antano campaban soutos e carballeiras. De cando en vez, como por descoido, agroma un castiñeiro ou carballo no medio de centos de eucaliptos lembrando un pasado non moi distante. Se a paisaxe aínda é fermosa, como sería antano?; cando Otero, Risco e Ben-cho-sey pasaron por esas terras no cabo do mundo alá polo 1927. 

Comentaba un amigo que alí o monte case non arde, que a xente vive da madeira e coida del. E non discuto que así sexa, mais contrasto o seu comentario co escoitado a uns vellos nunha conversa nun bar de Cedeira: “Tanto eucalipto vai acabar coa terra”. 

E dende entón penso día si e día tamén na incapacidade de mudar a política forestal na nosa Terra. Non me atrevo dicir galega, pois algo que me pregunto é se esta política forestal é realmente galega. Unha política forestal que polo beneficio inmediato renega de potenciar o bosque galego. Un bosque de soutos, carballos, teixos, nogueiras, freixos, cerdeiras... E se ben é certo que o rápido crecemento de eucaliptos e outras especies foráneas permiten un inmediato beneficio que serve de desculpa para xustificar estas plantacións. Tamén non é menos certo que, segundo a WWF, a tonelada de eucalipto cotiza entre 15 e 20 euros, mentres que a de castiñeiro ou nogueira cotizan arredor dos 1.000–1.200 euros. É teima recorrente que a U.E. é deficitaria en madeiras nobres. Se tal é certo; se por riba as árbores autóctonas “dan vida á terra”; se permiten incrementar o pasto; se... 

"O bosque autóctono é tan sinal de identidade coma a auga dos nosos ríos, as ondas dos nosos mares, ou o son da nosa lingua"

Supoño que o problema é de tempo. Da necesidade de diñeiro inmediato. Aconsellábame meu pai que cando estivese apurado de cartos pensase coma un rico e non coma un pobre. 

Quizais sexa hora que na política forestal pensemos coma ricos e non coma pobres. E a banca galega (de existir) debera investir parte dos seus activos en crear riqueza forestal, como noutros tempos investiron en centrais hidroeléctricas ou industrias diversas. Tal vez as administracións deberían combinar políticas de disuasión e de incentivo. Pode que a desaparición da Celulosa contribúa a reconverter o noso monte. E con certeza, o incremento de autoestima como pobo permita revalorizar os nosos sinais de identidade. E o bosque autóctono é tan sinal de identidade coma a auga dos nosos ríos, as ondas dos nosos mares, ou o son da nosa lingua.

Comentarios