Opinión

Un home, un voto, non si?

Onte debeu ser un día triste para milleiros de gandeiros.

Onte debeu ser un día triste para milleiros de gandeiros. Vin a entrevista que lle fixeron nunha canle de televisión a un representante dunha das asociacións de produtores, e fiquei contaxiado polo desánimo que transmitía quen, supoño, asiste unha vez máis ao engano. O elemento chave do sector lácteo, sen o que tal sector non existiría, ninguneado polas empresas produtoras e distribuidoras coa complicidade dun goberno que, por riba, presume, fachendoso, de que só haberá beneficios para o sector. Si, con certeza. Mais, a costa de quen? Xa saben a resposta.

Cando de riqueza falamos, non se trata soamente de saber canto de rico é un país. Hai que analizar como é que se distribúe esa riqueza. E levamos uns anos nos que a riqueza está cada vez menos repartida. Os ricos de sempre cada vez máis ricos, a clase media en vías de extinción, e os pobres cada vez máis e máis pobres. Días atrás, cando seguía o conflito do sector lácteo, chamoume poderosamente a atención que aos empresarios produtores se lles trataba coma se fosen asalariados das empresas produtoras e distribuidoras, obviando que son tan empresarios coma eles. Con funda de currante no seu traballo, coma eles van de elegante traxe e fina garabata. Máis ou menos grandes, mais empresarios donos de seu por hipotecadas que teñan as súas explotacións nos bancos.

Días atrás, cando seguía o conflito do sector lácteo, chamoume poderosamente a atención que aos empresarios produtores se lles trataba coma se fosen asalariados das empresas produtoras e distribuidoras, obviando que son tan empresarios coma eles

Mais as políticas poden mudar. Incluso as políticas europeas. Iso de que nada se pode facer por que Europa non deixa semella un mantra que a base de repetir unha e outra vez, fai que ninguén se cuestiona que as leis, tamén na Unión Europea, as aproban eses lexisladores que eliximos de cando en vez. E grazas ás conquistas sociais do XIX e principios do XX, homes e mulleres poden votar con independenza da súa renda. E tanto vale o voto dun pobre como o do número 1 da lista Forbes.

E no que respecta a nós. Enganos como o feito aos gandeiros explican por si mesmos a necesidade dun grupo parlamentar que defenda os dereitos da Galiza.

Comentarios