Opinión

De fuxidos e refuxiados

As colas interminábeis de fuxidos que procuran refuxio nesta Europa que se define a si mesma como civilizada e próspera

 

As colas interminábeis de fuxidos que procuran refuxio nesta Europa que se define a si mesma como civilizada e próspera traen á miña lembranza as colas, tamén interminábeis, daqueles que fuxían dunha España na que o terror e a intolerancia imperarían case 40 anos. Homes e mulleres que, coma estes, procuraban refuxio e acollida nunha Francia que tamén crían civilizada e solidaria.

Ao contemplar este desastre da humanidade, un máis, acude a min o pedido que meu tío avó Manuel fai a meu avó Luís, nunha carta que despois de dar mil voltas chega ao seu destino. Pide ao irmán que lle envíe un abrigo. Mais que non sexa novo. Que se note ben que foi usado para evitar que fique sen chegar ao seu destino.

Meu pai, que pasou a guerra e inmediata posguerra en Madrid, sempre foi moi sensíbel coas situacións de penuria que viven as xentes nos países en conflito

Manuel foi en certo modo un privilexiado na súa desgraza. A súa condición de catedrático de física óptica na Universidade Central de Madrid e o seu prestixio internacional no mundo da física, permitiulle, agás na ocupación nazi, traballar na Sorbona cunha equipa de investigadores. Aínda así, pedía ao irmán que ficara derrotado nunha España pobre e miserenta (no económico e no moral) un abrigo usado para evitar que desaparecera na fronteira.

Meu pai, que pasou a guerra e inmediata posguerra en Madrid, sempre foi moi sensíbel coas situacións de penuria que viven as xentes nos países en conflito. 

En certa ocasión, escoitando unha conversa na que se criticaban as axudas que dende aquí se facían a outros países baixo o argumento de que hai que se ocupar dos nosos pobres, meu pai, sen os coñecer, dirixiuse aos tertulianos para lles dicir que aínda lembraba a comida que sendo mozo lle chegou de países nos que tamén había pobres.

Semella que foi hai séculos. Mais o certo é, que rápido esquecemos

Comentarios