Opinión

Eu tamén quero ser París

Os tráxicos sucesos de París, consecuencia doutros máis tráxicos aínda e punto de partida doutras traxedias



Os tráxicos sucesos de París, consecuencia doutros máis tráxicos aínda e punto de partida doutras traxedias practicamente dende o mesmo instante en que o goberno francés decidiu actuar bombardeando Siria, pon de manifesto o distinto valor que teñen as vítimas segundo estas sexan das consideradas primeiras potencias ou do denominado terceiro mundo, países en vías de desenvolvemento, ou sexa cal for o eufemismo con que queiramos definir.

Semella que se esqueceu o apoio que as potencias occidentais, nomeadamente os EEUU, deron aos talibáns cando estes combatían contra dos ateos comunistas que encarnaban os restos dun imperialismo soviético, en certo modo herdeiro dese imperialismo zarista tan ben retratado por Xulio Verne en Miguel Strogoff. 

Esquecemos tamén que un tal Sadam Husseim foi alentado, potenciado e case elevado a heroe por un Occidente, en particular os EEUU, que vían no ditador do Iraq un contrapunto á influencia do Irán do Jomeini e demais “ayatolás” no Oriente Medio.

Entenderiamos que se bombardeara Roma polo feito de que uns cristiáns sirios atentasen contra o goberno dese país?

Un Occidente crítico cun islam que considera que vive ancorado no medievo (tertulianos dixit) e que obvia interesadamente que outros estados islámicos, Arabia Saudita por exemplo, rexen a vida dos seus habitantes (nin me atrevo a denominalos cidadáns e por respecto a eles súbditos) polos mesmos principios da lei do Corán que se aplica nos considerados medievais. Mais a vara de medir non é a mesma. Como tampouco o é a do principio da “palla no ollo alleo”.

O temor comprensíbel de unha cidadanía a novos ataques irracionais xustifica os bombardeos a Siria. E se Rusia se apunta, máis democrático aínda. Esquecemos xa Ucraína? Por certo, que se saiba os autores dos atentados eran cidadáns franceses e belgas. Educados en escolas occidentais. Polo que din os medios de comunicación, en nada desestruturados. Entenderiamos que se bombardeara Roma polo feito de que uns cristiáns sirios atentasen contra o goberno dese país?

Alén diso. Estado de sitio. Recorte de liberdades. Confusión de musulmán con terrorista. Por favor, que moitos coñecemos iso de “rojo” igual a masón. E os que se amparan en ter nacido despois da transición (alégrome pola súa xuventude)  con certeza que viviron a ecuación inxustificábel de vasco igual a terrorista. E esperemos que non veñan agora con catalán igual a secesionista.

Unha última. Non será tempo de que en Occidente reflexionemos sobre o dereito a intervir noutros territorios coa desculpa de “sacalos” do atraso?

Eu, tamén quero ser París.
 

Comentarios