Opinión

Sobre o ensino: o País (1)

A proposta que o filósofo José Antonio Marina presenta no Libro Blanco sobre a Profesión Docente


A proposta que o filósofo José Antonio Marina presenta no Libro Blanco sobre a Profesión Docente pretende pechar o debate sobre a educación trasladando a problemática -e os problemas, que non é o mesmo- da educación ao profesorado desviando de forma sibilina as responsabilidades que ao longo destes anos tiveron lexisladores e membros dos diversos executivos.

O da educación é un tema complexo, que abrangue múltiples problemáticas e cada unha delas pode ser abordada dende diferentes perspectivas, ás veces aparentemente contraditorias. Ideoloxía, acción social, deseño administrativo, valor que se dá a cada unha das etapas, relevancia de cada unha das materias, interrelación entre os diferentes niveis educativos, formación do profesorado, proxección económica, valores universais, implicación coa sociedade e co país... Toda unha serie de cuestións que é preciso abordar unha por unha e no seu conxunto, para fixar unha posición ante este problema.

 Dende Galiza debemos facer propostas que, de principio, adapten o ensino á nosa realidade xeográfica e social

No plano da autocrítica, penso que tendemos a simplificar, e banalizar sen pretendelo, as análises e posicionamentos sobre o ensino. Defender un ensino público non implica necesariamente que este sexa socialmente máis xusto. Que un ensino sexa privadonon quere dicir que estea menos implicado co país e a súa cultura. Non debemos confundir a política de becas co rigor académico. Por iso debemos valorar que esiximos a cada un destes aspectos. Para falar con rigor e presentar ante a nosa sociedade propostas encamiñadas a que se valore o ensino como un activo fundamental na xeración de riqueza (non só económica).

Na lexislatura que se aveciña, e desexamos que as próximas Cortes non sexan unhas constituíntes encubertas, haberá que reformular moitas cuestións. A educación, unha delas. E dende Galiza debemos facer propostas que, de principio, adapten o ensino á nosa realidade xeográfica e social, e a ser posíbel que resolva os moitos problemas que temos. Motivo polo que deberiamos comezar reclamando que as competencias de educación sexan exclusivas de Galiza (e de cada unha das nacionalidades históricas e CCAA) e que o Estado non teña potestade de regulamentar no ensino -un ministerio a suprimir, como o de Cultura e algún máis-, alén das normas internacionais necesarias para convalidar os títulos académicos. O propio sentido común ditaminará que os planos de estudos sexan o suficientemente competitivos, non para crear emigrantes e si para ter profesionais altamente cualificados que contribúan dende as súas respectivas profesións ao desenvolvemento desta súa/nosa Terra. Por iso o ensino, e non pode ser doutro xeito, ten que estar deseñado dende o país no que está inserido e pensado para servir á sociedade que nela vive.

Un simple exemplo que ben pode explicar o dito. Vivo, porque así o quixen, nunha provincia que presume de ser a que ten o maior número de Denominacións de Orixe de viños do mundo mundial (Ribeiro, Ribeira Sara, Valdeorras e Monterrei). Un potencial económico. Pensen en todo o que se move arredor do mundo do viño en maquinaria, fitosanitarios, produtos agrícolas, adegas, distribución, restauración, ... Calculen cantos ciclos formativos hai en enoloxía. Agardo pola súa resposta.

Comentarios