Opinión

É Arabia Saudí

Que acontecería se en Irán, Pakistán ou Afganistán executaran un occidental ou un sacerdote de calquera das relixións cristiáns?

Que acontecería se en Irán, Pakistán ou Afganistán executaran un occidental ou un sacerdote de calquera das relixións cristiáns? Cantas páxinas encherían os xornais de todas as tendencias, dende os laicos máis progresistas aos católicos máis conservadores? Nas tertulias e debates radiofónicos e, sobre todo, televisivos, cantas horas de programa cubrirían abordando dende os aspectos máis morbosos e truculentos a vida e obra do executado? E cantas a falar dos malvados asasinos?

Unha vez máis a dobre vara de medir que, por desgraza, caracteriza a hipocrisía occidental e á que tan acostumados estamos. 

Algunha protesta formal dende a Unión Europea? Algunha moción no Parlamento Europeo? Non, que estamos coas festas do Natal. Chamada de embaixadores nos EEUU?

Mais o executado é un simples crego chiita que, como todos vostedes saben, no subconsciente colectivo de nós occidentais, e dende os tempos de Jomeini, son os malos malísimos das diferentes ortodoxias islámicas

E no caso español? Ao mellor houbo algunha tímida voz que non se escoitara entre tanto barullo montado pola decisión da CUP que obriga a adiantar eleccións na Cataluña agás milagre repentino; ou que se as mochilas de Pablo Iglesias para os seus ministros; ou que se hai reis ou raiñas nas cabalgatas (e iso que todos saben que son os pais); ou que se a viaxe de estudos de Pedro Sánchez para coñecer as chaves de entendemento da esquerda portuguesa; ou que se as miserias e momentos de reflexión (esperemos que críticos e venturosos) do nacionalismo galego; ou que se a crise da bolsa; ou que se o xuízo do caso Noss (que non de Nós);... E que tamén estamos coa resaca das festas do Natal.

Mais o executado é un simples crego chiita que, como todos vostedes saben, no subconsciente colectivo de nós occidentais, e dende os tempos de Jomeini, son os malos malísimos das diferentes ortodoxias islámicas. Desas que como moito malamente coñecemos os sunníes, e que se nos falan de kharajíes, drusos ou ismalies, xa estariamos a enviar ao interlocutor participar nun concurso de televisión. 

O acontecido, foi en Arabia Saudí. Aliado dun Occidente que todo lle permite e consinte. Un estado en nada teocrático e que non está na Idade Media. O uso do látigo non é exclusivo do medievo. 

E ademais, para que nos imos meter nós con eles, que se xa nos chega con Afganistán e Irak. E por se fose pouco, que non vaia a máis o da Bolsa en China.

Comentarios